Galicia é unha das zonas de España con peor conexión a Internet

Galicia é unha das zonas de España con peor conexión a Internet

O portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, alertou hoxe da situación “lamentable” da conexión a internet en condicións en Galicia. Así o dixo no debate en Comisión dunha iniciativa socialista para reclamarlle á Xunta unha conexión “aceptable” nos concellos de Boqueixón, Touro e Vedra, a 20 quilómetros da capital galega, que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista denunciou o desleixo do goberno galego e o desinterese do PP, que “se presenta como apóstolo das novas tecnoloxías” mentres Galicia é unha das zonas de España con peor conexión á rede dixital. Criticou que o goberno galego incremente o orzamento da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, dende os 32 millóns de euros de 2009 ata os 85 de 2015, “sen reclamar resultados na mellora da conectividade”.

Sinalou as “mentiras” do goberno galego, que inviste en publicidade para afirmar a “firme aposta polo desenvolvemento” da Axenda Dixital, e o responsable da Amtega asegura que só o 3 por cento da poboación carece de conexión 3G. Sinalou que este dato resulta “manifestamente falso”, xa que esa porcentaxe equivale a 75.000 habitantes, en contra das cifras oficiais.

Mentres os medios de comunicación sinalan que o 40 por cento dos cidadáns galegos carecen dunha conexión rápida para o acceso a internet,o INE revela que o 25 por cento dos españois sen cobertura axeitada residen en Galicia, que ten tan só o 6 por cento da poboación do Estado.

Ademais, dixo, Galicia é a segunda poboación do Estado, despois de Estremadura, con menor uso de internet porque, dixo, “non funciona”. Advertiu que as rexións que mais utilizan a rede son precisamente aquelas nas que a conectividade “funciona moi ben”, aínda que teñan orografía e demografía semellantes a Galicia, como Cantabria ou Asturias, “por non falar do País Vasco ou A Rioxa”.

Losada advertiu que a realidade de Galicia contrasta frontalmente co discurso do goberno galego, que “aposta pola necesidade de emprender sen acceso ás tecnoloxías da comunicación en condicións competitivas, e falan do desenvolvemento do rural sen as tecnoloxías, os servizos nin os orzamentos necesarios e cun escenario demográfico e político absolutamente grave”.

O PP rexeitou a proposta do Grupo Socialista para que a Xunta lle demande a Telefónica – Movistar “que dispoña os sistemas técnicos necesarios” para que os os veciños e veciñas de Boqueixón, Touro e Vedra “teñan a posibilidade de conectarse a Internet polo sistema terrestre ou ben por un sistema de satélite e 3G cunha calidade aceptable”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar