Galicia con Feijóo perde un mariscador cada catro días

Galicia con Feijóo perde un mariscador cada catro días

O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, reclamoulle “autocrítica” ao goberno galego logo de advertir do fracaso sen paliativos da súa xestión do sector marisqueiro. No debate dunha pregunta oral na Comisión de Pesca, sinalou que Galicia perdeu 375 permex entre 2010 e 2014, a razón de un cada catro días, pasando de 4.123 a 3.748.

Esixiulle ao goberno galego que “intenten mellorar a situación destes homes e mulleres, que bastante complicado o teñen como para que veñan os responsables da Xunta a dicir que a situación é boa”. Lonxe desta visión optimista do goberno galego, explicou que os profesionais do marisqueo sofren o desleixo da Xunta fronte ao furtivismo e a alta contaminación das rías.

Cada mes vén cómo os ingresos pola súa actividade diminúen, chegando a que neste momento os mariscadores perciban unha media de 426 euros mensuais logo de perder ata o 40 por cento da produtividade de especies importantes como a ameixa fina, xapónica ou o berberecho.

A realidade é que a contaminación debilita ás poboacións, que fican diezmadas polos efectos dos parasitos, e o goberno galego cala mentres a Ría de A Coruña ten que estar pechada 3 meses por un vertido que “a día de hoxe o goberno galego ou non sabe ou non quere dicir de onde veu”.

Resumiu que “os problemas estruturais do sector seguen sen abordarse, a contaminación das rías segue sen resolverse, prométense todos os anos actuacións para este fin nos orzamentos da Xunta que ao final non se acometen e o aumento do furtivismo é algo á vista de todos”.

Cerco

Val reclamoulle tamén ao goberno galego que se poña “do lado do sector” da pesca de cerco para defendelo e propoñer un modelo de reparto de cotas alternativo que permita sobrevivir aos buques galegos. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na Comisión de Pesca celebrada hoxe no Parlamento.

Considera “moi grave” que a Xunta se escude agora nun suposto acordo do sector sobre o novo reparto de cotas, cando “o 90 por cento está en desacordo. Sinalou que “o modelo pode ser legal, pero é unha decisión política do goberno do PP que os dereitos históricos teñan un peso do 70 por cento sobre os repartos”, e considera “incomprensible que “si compro un barco que leva 10 anos pescando xurelo non poida dedicarme a pescar xarda”.

O responsable socialista desafiou á Xunta a “dicir abertamente que o seu obxectivo é que queren reducir o número de barcos de cerco que faenan dende os portos galegos”. Advertiu que os armadores continúan “tremendamente preocupados” por esta situación, malia un descenso da tensión debido a que “hoxe están faenando en alta mar”.

Inspección

José Ramón Val acusou ao goberno galego de “obrigar a traballar no límite da legalidade para poder dar de comer ás familias”, ao que responden cunha labor inspectora “desproporcionada, que nada ten que ver co control da legalidade”. Sinalou que cada vez hai mais casos de buques galegos obrigados a interromper as súas costeiras por ser abordados e retidos polas patrulleiras.

O portavoz socialista puxo como exemplo un buque de Burela escoltado ata o porto de A Coruña para descargar a súa pesca, ou outro que estivo parado cunha inspección de mais de tres horas en alta mar, os dous obrigados a separar a pesca para constatar que non había ningunha ilegalidade.

Reclamoulle ao goberno galego que tome a iniciativa para reunirse coas forzas de seguridade e fixar uns criterios e unhas marxes de actuación que permitan exercer un control efectivo sen prexudicar á xornada duns buques que xa parten coas súas posibilidades de pesca moi limitadas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar