Frívola e indigna resposta de Feijóo á denuncia da Fiscalía polo trato aos doentes de hepatite C

Frívola e indigna resposta de Feijóo á denuncia da Fiscalía polo trato aos doentes de hepatite C

Frívola e indigna resposta de Feijóo á denuncia da Fiscalía polo trato aos doentes de hepatite C

A viceportavoz do Grupo socialista, Carmen Gallego, cualificou hoxe de “frívola e indigna” a resposta do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á denuncia da fiscalía polo trato aos enfermos de hepatite C, admitida polo xulgado que chamou a declarar a dous cargos do goberno galego por prevaricación. Os socialistas reclamaron a comparecencia de Feijóo no Pleno do Parlamento, que foi rexeitada polo PP, e levarán o caso á sesión de control.

A responsable socialista criticou que o presidente da Xunta queira limitar a unha cuestión estatística referida a “dous ou tres pacientes” cando se investigan sete falecementos polo retraso na prestación do tratamento por parte do goberno galego. Advirte que Feijóo, o goberno galego e o PP “sempre mentiron” nas súas respostas ás máis de 20 iniciativas parlamentarias presentadas polos socialistas galegos neste sentido.

Lembrou así que tanto nas iniciativas de impulso como nas de control presentadas polos socialistas tanto o goberno como o PP responderon en bloque criticando as peticións para subministrar o tratamento en casos de vida ou morte e reclamando “cautela” mentres negociaban os prezos dos medicamentos.

Carmen Gallego dixo que en realidade “do que trata este asunto é de escoller entre a saúde dos galegos e das galegas ou do sacrosanto déficit cero”, e dun goberno que “prioriza os recortes fronte aos pacientes”.

Lembrou que a día de hoxe só recibiron o tratamento 1.100 persoas dos entre 30 e 50.000 potenciais usuarios que “aínda non están o suficientemente enfermos”, mentres a poboación reclusa está excluída “porque o goberno di que o tratamento ambulatorio non é da súa competencia”.

A deputada socialista advertiu que “pasou coa hepatite C como pode pasar cos tratamentos do cancro”, uns tratamentos que “como son caros non se subministran” por un goberno que “impón os recortes e a supremacía do déficit cero fronte aos usuarios da sanidade pública”.

Os socialistas galegos reclamaron a comparecencia de Feijóo para dar conta da actuación do seu goberno diante destes casos e consideraron insuficiente a do actual conselleiro de Sanidade, que cando sucederon os feitos “non era conselleiro, nin sequera formaba parte do goberno galego, senón que era alcalde dunha localidade do sur de Pontevedra”.

Iniciativas

Os socialistas reclamaron unha vez máis a comparecencia do presidente da Xunta para dar conta do fracaso das súas políticas laborais, como constatou onte o sindicato UGT, que sinalou un nivel superior de destrución de emprego en Galicia. Criticou que o goberno galego deixara sen gastar 73 millóns ata o límite de endebedamento que poderían ser destinados aos medicamentos da hepatite C ou á loita contra o desemprego.

O Pleno da próxima semana incluirá ademais dúas preguntas orais sobre a situación da Fábrica de Armas da Coruña e sobre a xestión do Plan Pexga, ademais dunha interpelación sobre a política medioambiental do goberno galego, logo de sete anos nos que non se sumou un só metro cadrado de espazo protexido, as rías continúan co saneamento incompleto e a xestión de Sogama ofrece serias dúbidas.

Tamén se incluirán dúas mocións sobre a situación do transporte público por estrada logo da anulación de 129 concesións polo Tribunal Supremo e sobre a etiquetaxe do mexillón galego. Os socialistas presentarán tamén dúas proposicións non de Lei para reclamar a derrogación da Lomce e para garantir a estabilidade da carreira profesional dos investigadores galegos.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar