Fernández: "Todas as decisións adoptadas polo Goberno de Feijóo van encamiñadas ao copago"

Fernández: "Todas as decisións adoptadas polo Goberno de Feijóo van encamiñadas ao copago"

Fernández: "Todas as decisións adoptadas polo Goberno de Feijóo van encamiñadas ao copago"

O secretario de Sanidade do PSdeG, Miguel Ángel Fernández, acusou hoxe a Feijóo de tentar enganar aos galegos e galegas cun copago sanitario encuberto. “Todas as decisións adoptadas polo Goberno galego en materia sanitaria cheiran a copago”, apuntou.

“Por un lado, Feijóo di que rexeita o copago en consultas, estancias hospitalarias, urxencias e probas diagnósticas, e polo outro di que é necesario abordar unha nova prestación farmacéutica, é dicir, o copago dos medicamentos”, explicou Fernández.

“Isto demostra que o PP ve con bos ollos o copago sanitario a nivel farmacéutico, que xa están aplicando comunidades como Cataluña, onde goberna a dereita”, sinalou, engadindo que “todas as decisións que ven adoptando o Goberno galego van encamiñadas ao copago e a restricción de prestacións sanitarias”.

Lembrou que, tal e como ven denunciando o PSdeG e como reiterou no último pleno do Parlamento Galego o secretario xeral, Pachi Vázquez, “a intención do Goberno de Feijóo é introducir o copago sanitario, mentres segue a recortar os dereitos dos galegos e galegas a unha asistencia sanitaria universal e gratuíta”.

Fernández engadiu que os socialistas galegos “rexeitamos o copago sanitario, incluíndo o farmacéutico, xa que cobrar polas receitas, como parece que pretende facer o Goberno de Feijóo rompe a equidade do sistema e repercutirá negativamente nas persoas necesitadas”.

Retirada do decreto
Aludiu ademais ao decreto 209/2011 que deixa aberta a vía do copago para os usuarios que fagan un “uso irresponsable” da sanidade, e á orde do 5 de setembro que permite o cobro pola tarxeta sanitaria e nega a asistencia a parados de longa duración. “A pesar do que di Feijóo, ó certo é que Galicia ten o dubidoso honor de ser a primeira comunidade onde os parados de longa duración quedaron sen asistencia médica e farmacéutica”, apuntou.

Ante esta situación, Fernández esixiu á conselleira, Pilar Farjas, que explique os motivos polos que non asinou o convenio co INSS que si teñen asinado outras comunidades, e que permite que o trámite para os parados de longa duración sexa automático.

“O feito de non ter asinado este convenio demostra as intencións reais do Goberno do PP, deixar ás persoas sen recursos sen asistencia médica e farmacéutica, e evidencia as mentiras de Feijó e Farjas”, remachou.

Por elo, esixiu a Feijóo “que deixe a demagoxia, e aclare aos cidadáns que cambios pretende introducir o Goberno galego no acceso aos medicamentos, e si pasan ou non polo copago”.

Engadiu que “si Feijóo non pretende implantar o copago, debe retirar as ordes e decretos aprobados polo seu goberno, que abren a porta ao copago e restrinxen as prestacións sanitarias”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar