Fernández Pena pide a transferencia da AP-53 a Galicia para rebaixar as súas peaxes e critica "o desleixo" do Goberno e a Xunta

Fernández Pena pide a transferencia da AP-53 a Galicia para rebaixar as súas peaxes e critica "o desleixo" do Goberno e a Xunta

Fernández Pena pide a transferencia da AP-53 a Galicia para rebaixar as súas peaxes e critica "o desleixo" do Goberno e a Xunta

A senadora socialista galega recorda que a AP-53 é un dos eixes articuladores da comunidade galega e unha das autoestradas máis caras de España

A senadora socialista galega, Paula Fernández Pena, reclamou, esta tarde, na Comisión de Fomento, a transferencia da autoestrada central galega AP-53 á Comunidade Autónoma de Galicia para poder rebaixar as peaxes e criticou o desleixo do Goberno central que segue sen resolver esta situación e "que segue enganando os galegos suxerindo que queren conseguir este traspaso pero que en realidade só queren ir dilatando no tempo un traspaso que non interesa ás concesionarias".

Fernández Pena defendeu unha moción dirixida a que se busquen fórmulas e que se consiga, dunha vez por todas, as rebaixas destas tarifas da única forma que se pode conseguir, que a Xunta de Galicia pase a ser titular desta vía e poida aplicarse o convenio recollido no decreto 54/2010. A devandita iniciativa foi rexeitada debido ao voto en contra do Grupo Popular que conta con maioría absoluta na Cámara Alta.

A parlamentaria do PSOE subliñou que a senadora popular recoñeceu que "conseguir a transferencia da AP 53 e que pase a ser de titularidade autonómica, é unha cuestión que se vai dilatar moito no tempo e engadiu que "a Xunta está a insistir en que debe facerse canto antes para cumprir coa súa promesa electoral de rebaixa das peaxes. Non obstante, o Ministerio de Fomento non quere transferir a autoestrada porque forma parte dun paquete de vías de conexión coa meseta que pretenden siga sendo da súa propiedade".

Durante a súa intervención, recordou que a AP-53 é un dos eixes articuladores da comunidade galega e unha das autoestradas máis caras de España e puntualizou que ademais, esta peaxe se incrementa contractualmente, cada ano, co IPC e, dende o ano 2011, sobe un 0.5% máis como imposto para compensar obras complementarias da concesionaria.

A continuación, apuntou que, dende hai moitos anos, a loita pola rebaixa desta peaxe é unha constante no mundo político galego e, en moitas ocasións, é utilizado con inusitada virulencia, sobre todo, nos tempos próximos a eleccións tanto locais coma autonómicas polo PP.

Paula Fernández Pena indicou que para conseguir cumprir coa promesa de rebaixar a peaxe da AP 53 é necesario que se faga cargo o Estado da devandita rebaixa, "algo que ata a data se antolla de difícil consecución" ou que o Estado lle transfira a titularidade da vía á Comunidade Autónoma para poder aplicar a rebaixa das tarifas ao igual que no resto das vías de pagamento galegas.

Fernández Pena aclarou que para logralo, o Goberno galego aprobou no ano 2010 un decreto (o 54/2010) segundo o cal conveniaban coas entidades Autoestradas de Galicia, Autoestradas de Galicia, ou Concesionaria da Xunta de Galicia S.A., unha bonificación das peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG 55) e Puxeiros-Val (AG-57), consistente nunha redución dun 25% sobre o importe da peaxe na viaxe de volta e a redución dun 50% na última viaxe cando se realicen máis dun traxecto. Esta é a bonificación que o goberno popular galego prometeu repetir na AP-53 en caso de que esta vía pase ás mans da Comunidade Autónoma.

A Xunta de Galicia solicitou esta transferencia no ano 2009 e en 2010 aínda que despois gardou silencio ata o ano 2012. "É curioso. Parece coincidir que cando o Goberno de España está en mans do PP é cando menos forza exerce o PP galego para conseguir esta transferencia a pesar de todas as súas promesas", ironizou.

Seguidamente, a senadora galega fixo fincapé en que no ano 2009 con gobernos socialistas en ambas as dúas administracións, Xunta e Estado, se acordou a creación dunha comisión técnica para estudar o traspaso á Administración autonómica tanto da autoestrada AP-9 (Ferrol-Tui) coma da AP-53 (Santiago-Dozón). Esta nova comisión encargaríase de "analizar tráficos, recursos e investimentos" e tamén de "ver cales son as condicións e o carácter de cada unha das autoestradas" e dende Fomento mostrouse a firme vontade de resolver todos os aspectos técnicos e de encontrar unha solución definitiva.

Dende entón a Xunta e posteriormente o Goberno do PP limitáronse a realizar promesas electorais sen cumprir e a encher os seus discursos con palabras sen un contido real. Unha promesa electoral que segue sen cumprirse e a peaxe, lonxe de abaratarse, crece notoriamente cada ano. Polo tanto alá van 4 anos sen moverse ficha nesa negociación mentres os prezos seguen disparándose para quen circula polos 41 quilómetros que separan Santiago e Lalín", apostilou.

Ao seu xuízo, "a sensación que teñen os cidadáns é que todo o feito ata o momento polo PP galego se antolla como unha promesa electoral coa que sacaron e pretenden seguir sacando réditos electorais. Os cidadáns seguirán evitando esa vía polo seu elevado custo e circulando pola alternativa N-525, unha vía en precarias condicións de conservación nalgún dos seus tramos e ter unha moi alta densidade circulatoria que alongan a duración do traxecto".

Paula Fernández Pena recalcou que a escusa que usa o PP galego para xustificar esta situación é a negativa do Goberno de España a traspasar as súas competencias á Xunta, algo inconcibible en tanto os máximos beneficiarios deste traspaso serían os cidadáns mentres que para o Goberno central non supoñería ningún tipo de custo adicional.

Por outro lado, a razón que usa o Goberno de España para evitar este traspaso é a devolución do préstamo participativo de 60 millóns de euros, achegados no seu día polo Executivo central para a construción desta vía de alta capacidade, que o Ministerio pretende recuperar e que a administración autonómica non quere facerse cargo, un préstamo que a concesionaria debe devolver coas peaxes cando estes superen un volume determinado de tráfico e que xa non debese ser un problema xa que segundo os datos do IMD dos últimos meses, se superaron dende o 2009 na maioría dos tramos a cantidade de vehículos diarios a partir dos cales a concesionaria debese ir remunerando o devandito préstamo participativo con pagamentos ao Estado do 50% dos ingresos de peaxes, netos de IVE.

Por último, Fernández Pena indicou que a única estratexia do Goberno é que só quere ir dilatando no tempo un traspaso que non lle interesa ás concesionarias. Seguimos oíndo nesgadas mensaxes mediáticas do PP galego pedindo esa transferencia e vendo un Goberno do Estado facendo oídos xordos e esquecéndoselle, xeito interesado, de que nalgún momento se tivese aberto a posibilidade desta transferencia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar