Feijóo "vende fume" na industria galega

Feijóo "vende fume" na industria galega

Feijóo "vende fume" na industria galega

naval-feneO portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou ao presidente da Xunta de “vender fume” no sector industrial galego. Así o dixo na comparecencia en Pleno do Conselleiro de Industria para persentar a “Axenda de Competitividade Industrial de Galicia” e a chamada “industria 4.0” mentres hai polígonos industriais “que carecen de ADSL”.

O responsable socialista comparou ao goberno galego cos “vendedores de crecepelo” como representantes dos timadores do século XIX “cando había quen o compraba, pero este país non está para crecepelos”. Comparou os anuncios da Xunta coas “consultoras que viven de vender fume”, logo de constatar a dislocación entre as súas previsións e a realidade.

Así, criticou que o conselleiro anuncie a “industria 4.0” e o portal commodity cando os parques industriais de Ponteceso ou Lestedo carecen a día de hoxe de de conexión por fibra óptica, e preguntou ironicamente “cómo levan o commodity, en carro?”.

Losada sinalou que os requisitos para ter unha industria competitiva son a demanda externa e interna, o financiamento e a innovación. Dixo neste sentido que actualmente o mercado interno está virtualmente conxelado, as entidades financeiras multiplican os seus beneficios sen prestar diñeiro e o goberno galego apenas destina o 0,86 por cento do PIB a innovación, ao nivel de Ucraína ou Turquía.

Losada criticou que o goberno galego se compare con Alemaña, USA, Reino Unido ou Corea do Sur, ou con rexións como Maastricht, Eindhoven, Amberes ou o País Vasco, cando calquera delas como mínimo triplica o esforzo en I+D+i de Galicia.

O responsable socialista situou ao goberno galego do lado de entidades como o Banco Santander, que obtivo un 38 por cento mais de beneficios no primeiro trimestre, mentres o salario mínimo apenas aumenta un 0,5 por cento. Sinalou que o propio gobernador do Banco de España apostaba por reducir aínda mais os salarios “agás o seu, que o incrementou un 0,5 por cento en canto chegou ao cargo”.

O portavoz socialista describiu a política industrial do goberno galego citando ao escritor Ángel González, que dicía “te llaman porvenir porque no vienes nunca”, e lamentou que sigan a estela do presidente do goberno, que onte recomendou nun almorzo informativo que “confíen en mí”, recibindo a cambio unha sonora gargallada do auditorio.

Losada salientou o “fracaso” do modelo económico e industrial de Feijóo, que provocou a perda do 25 por cento do emprego industrial e unha redución do 20 por cento do PIB industrial de Galicia, o que evidencia a súa busca de “maior competitividade a costa de maior paro e salarios mais baixos”. Mentres, as exportacións caeron un 3,2 por cento en Galicia, o segundo peor dato do Estado, onde medraron xa un 2,5 por cento.

Cualificou ademais de “intolerable” que o goberno aprobara un investimento de 2 millóns de euros para contratar a empresas para a captación de investimentos “cando hai técnicos cualificados no Igape”, un organismo fundamental para a reactivación económica de Galicia e que está a ser destruído sistematicamente polo goberno galego.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar