Feijóo, unha "cándida pomba" cercada polos "depredadores" Pachi Lucas e Marcial Dorado

Feijóo, unha “cándida pomba” cercada polos “depredadores” Pachi Lucas e Marcial Dorado

Fotografía de Óscar Corral

Fotografía de Óscar Corral

O portavoz do Grupo socialista, José Luis Méndez Romeu, tirou hoxe de ironía para retratar a imaxe que pretende ofrecer Feijóo “como unha cándida pomba cercada polos depredadores”. Así o dixo na sesión de control na que lle esixiu que explique as consecuencias no goberno da súa amizade con Pachi Lucas, investigado como presunto “conseguidor” na trama de financiamento irregular do PP investigado pola Operación Zeta.

O responsable socialista acusou ao presidente galego de “facer primeiro gala de amizades perigosas, como fixo cos traficantes de drogas –Marcial Dorado- cos que intima e se retrata, pero cando hai un problema adopta o papel de vítima, un moderno cándido”. Acusouno de facer “como en Valencia, estar anos e anos negando a evidencia ata que resulta unha trama inmensa de corrupción”.

Méndez Romeu esixiulle ao presidente galego que explique a relación de Pachi Lucas, o seu amigo persoal investigado como “abreportas” na Operación Zeta, coa Xunta, cando o auto xudicial acredita que “ten participado en xuntanzas con membros do goberno e terceiras persoas”. Preguntoulle si “a súa relación limítase a ir aos toros nos que tamén frecuenta en compañía de Rajoy e o imputado”, en alusión a unha coñecida imaxe.

Acusou ao presidente da Xunta de ter pasado 13 meses dende a anterior pregunta do Grupo Socialista sobre esta situación na que “fiel ao seu estilo intentou salpicar a todo o mundo e verter insinuacións sen ofrecer ningunha explicación documentada”. Mentres, “o seu amigo imputado por tráfico de influencias pasou a ser como Bárcenas, un descoñecido”, sen explicar “cales eran as influencias e cales os tráficos”.

Reclamoulle a Feijóo que explique si “é unha cándida pomba ou mais ben tolera comportamentos corruptos no seu entorno persoal e político”. Acusouno de eludir dar contas da relación do seu “amigo sen cargo público Pachi Lucas, que aparece retratado nun auto xudicial en conversas e chamadas a dirixentes públicos e aparece como comisionista dunha trama dedicada sistematicamente á fraude con fondos públicos”.

O portavoz socialista mesmo recorreu ao sarcasmo para responder ás acusacións de Feijóo sobre as axudas concedidas polo goberno bipartito á empresa investigada polo xulgado, e sinalou que “agora vostede intenta explicar que o PSdeG financiaba ao seu amigo conseguidor en beneficio do PP”.

Alí Babá

Méndez Romeu lembrou ademais a participación de Feijóo como membro da dirección do PP nacional, “unha organización imputada, con tódolos responsables económicos da súa historia imputados” para debullalo como unha persoa que “ía por alí e tampouco se decataba de nada, tan só un visitante”. Engadiu que “hoxe sabemos que o PP é como a Cova de Alí Babá, e mesmo sabemos que os 40 ladróns son varios centos”.

Mentres, “a transparencia para vostede é unha pose”, espetoulle, lembrando a Lei de Transparencia aprobada hai 5 semanas no Parlamento e que continúa “secuestrada”, sen ser publicada no DOG e polo tanto sen entrar en vigor porque “algo debe dicir que lles molesta amplamente”.

Acusou a Feijóo de “negarlle á Cámara todo tipo de documentación que se lle pide”, xa que ademais de negarse a comparecer para dar conta das tramas de corrupción que afectan ao seu entorno máis achegado, tampouco entrega, logo de tres anos, a documentación dos contratos asinados “con outro amigo seu que agora non coñece, o narcotraficante Marcial Dorado”.

A transparencia é, para Feijóo, “un lugar común, un postureo para os discursos de Madrid, pero unha pésima idea porque pon límites á súa concepción autocrática do goberno” mentres “fuxe por principio de dar explicacións, nega a documentación e transforma á TVG nun pesebre de adulación e manipulación”. Advertiu que “logo se sorprenden de que ninguén queira pactar con vostedes cando levan toda a vida poñendo obstáculos ao diálogo”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar