Feijóo, un candidato á reelección "resignado" pola "falla de alternativas"

Feijóo, un candidato á reelección "resignado" pola "falla de alternativas"

Feijóo, un candidato á reelección “resignado” pola “falla de alternativas”

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou hoxe ao presidente da Xunta de utilizar a Galicia “como peana da súa autopromoción”. Na sesión de control ao presidente da Xunta, augurou que Feijóo “vaise presentar –á reelección- resignadamente por falta de alternativas” logo de fracasar no intento de trasladarse a Madrid ou de ir á empresa privada.

O responsable socialista sinalou que o presidente da Xunta “volveu á casilla de saída” logo de “dedicarse a facerse un oco nas tertulias e nos platós de Madrid” porque “non quería repetir como candidato”. Debullou así a Feijóo obrigado a repetir logo de que “os seus pecháronlle as portas” e da “pouca receptividade” que acadou no sector privado 2porque coñecen o resultado das súas xestións”.

Méndez Romeu fixo un balance da “lista de fracasos” da xestión de Feijóo, na que incluíu os plans Eólico e de Acuicultura, a sentenza contra a prórroga das concesións do transporte de viaxeiros, a xestión dos residuos, a Lei do Solo, a mobilidade de terras ou de vivenda. Advertiu que a norma de tributos foi modificada 7 veces en sete anos, a do sector eólico outras 6, 5 a de augas, e 4 as de comercio interior e de servizos sociais.

Este é o resultado, sinalou, da súa estratexia de “revancha lexislativa” que o levou a “derrogar as normas anteriores para impoñer outras peores nun escenario de inseguridade xurídica xeneralizada”. Ao mesmo tempo, os plans son “papel mollado”, que duran o tempo dun anuncio publicitario, como foi o caso do Plan Estratéxico, a Estratexia de Acuicultura ou o Plan Move.

Nesta etapa, puntualizou, “só a propaganda foi constante” durante sete anos nos que “non houbo cartos para vacinas ou para atender aos dependentes, pero si para gastar en incenso mediático”. Criticou o esforzo en “campañas sen contido informativo” durante sete anos nos que coincidiron co recorte de dereitos e prestacións, o empobrecemento da xente, a expulsión da mocidade e a cronificación do paro”.

Promesas fallidas

O portavoz socialista dixo que Feijóo “non é fiable porque non cumpre as súas promesas”, que resultaron “fallidas” nunha etapa que conclúe sen consumo, emprego nin investimento. Advertiu que o balance presenta unha xestión na que “só atopamos paro, pobreza e desigualdade, ademais dun endebedamento espectacular”.

Logo da sesión de control, o portavoz socialista sinalou os datos estatísticos oficiais do INE para desmentir o balance demográfico positivo que anunciou hoxe Feijóo cando en realidade entre 2009 e 2015 Galicia perdeu 63.742 habitantes. Ademais, segundo o IGE, a poboación galega de 15 a 34 anos pasou de 701.699 persoas en 2009 a 545.521 en 2015.

Esta é a conclusión, dixo, dun goberno “cruel” coa cidadanía que ten que vivir da renda salarial, ou da que depende do sistema de Facenda Pública e que padecen as consecuencias dun goberno e dun presidente que “traballou denodadamente para os mais poderosos colaborando para impoñer o recorte de salarios, a expulsión da mocidade e o recorte de dereitos”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar