Feijóo só ofrece "máis do mesmo fracaso" en materia laboral

Feijóo só ofrece "máis do mesmo fracaso" en materia laboral

Feijóo só ofrece “máis do mesmo fracaso” en materia laboral

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, afeoulle hoxe ao presidente da Xunta que no recente Congreso do PP de Ourense anunciara “mais do mesmo, ningunha idea nova, ningunha esperanza” como resposta ao seu “fracaso” en política laboral. Así o dixo na sesión de control do Pleno do Parlamento, na que lle lembrou que logo de sete anos de xestión Galicia rexistrou 150.000 ocupados menos e 67.000 parados mais.

Criticou a “insensibilidade” do presidente da Xunta, condenando a “abandonar toda esperanza” ás 250.000 persoas “que queren traballar e non atopan unha oportunidade” logo de sete anos nos que desapareceron a décima parte dos contratos indefinidos, a sexta parte dos de tempo completo e a quinta parte dos empregos temporais. Hoxe a metade dos parados non teñen prestación e 40.000 fogares non teñen ningún ingreso.

Méndez Romeu lembrou os datos oficiais da última EPA elaborada polo INE, que evidencian que Galicia pasou de 1.170.300 ocupados en 2009 a 1.021.100 en 2016, e de 161.000 parados en 2009 a 227.900 en 2016, mentres o número de activos diminuíu dende 1.331.300 en 2009 a 1.249.000 en 2016. Así o dixo logo de avaliar positivamente os novos contratos de Navantia, que lamentablemente aínda deixan o emprego no naval por debaixo de 2008.

Recomendoulle a Feijóo que “poña cara ao problema” e se dirixa á “xente real” para “ver cómo na liña de caixas do supermercado as caras varían en cada visita por contratos leoninos de 40 horas nun mes, 18 horas intensivas nunha fin de semana ou contratos de un día”. Advertiu que “esas persoas logo non van xerar pensións porque non terán o tempo mínimo de cotización e sempre estarán suxeitas á dependencia”.

Lamentou que a única proposta de Feijóo sexa “multiplicar a situación de explotación laboral máis tempo”, xeneralizando os salarios de 200, 300 e 400 euros e con mozos e mozas titulados que “encadean 90 contratos cada ano, e se son mulleres non teñen nin sequera dereito á baixa por maternidade”.

Titulados universitarios, explicou, con varias linguas e sobrados de experiencia que “só poden aspirar a contratos por obra e servizo para facer simultaneamente de peón, administrativo e técnico” e con horarios “ademais de flexibles, extensibles e sen dereito a nada”.

70.000 millóns

Méndez Romeu acusou ao presidente da Xunta de ter gastado “70.000 millóns de euros do orzamento público” en “prioridades distintas, sen ter en conta o paro ou o investimento” ao manter intacto o gasto corrente mentres recortaba a sanidade, prestacións sociais, dependencia, ensino e as políticas activas de emprego.

Sinalou que hoxe Galicia é a rexión con maior desigualdade de España e mantén unha maior distancia coa media estatal, mentres os informes oficiais revelan que Galicia ten menor investimento, menor confianza empresarial e peor confianza dos consumidores. Revelan unha “preocupación xeral da cidadanía, que considera que non vamos na dirección correcta”.

Mentres España apunta unha tibia recuperación do PIB e das cifras de emprego, “en Galicia non estamos na senda do crecemento nin na senda da creación de postos de traballo”, senón nun paro “enquistado” e preguntoulle si é “consciente de que iso é un fracaso”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar