Feijóo segue unha "política destrutora" cos concellos

Feijóo segue unha "política destrutora" cos concellos

Feijóo segue unha "política destrutora" cos concellos

Méndez Romeu PlenoO portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou hoxe a Feijóo de “seguir unha política destrutora cos concellos”, xa que “non lexislan, non financian, non hai un marco legal axeitado e non hai diálogo”. Así o dixo na sesión de control do Parlamento ao presidente da Xunta, que os socialistas empregaron hoxe para facer balance da xestión municipal do PP.

O responsable socialista criticou que o goberno galego teña reducido o financiamento local nun 40 por cento –de 437 a 290 millóns de euros- para uns concellos que manteñen os servizos sociais “en precario, cando non camiño da extinción” como resultado da reforma da Lei de Réxime Local.

Acusou a Feijóo de “non escoitar os informes enviados pola Fegamp” mentres “secuestra o informe sobre a situación do municipalismo requirido polo Parlamento como secuestrou o da Comisión de Bioética”.

Méndez Romeu enumerou os incumprimentos do presidente galego, que deixou “en nada” o seu compromiso de “abrir unha nova era do municipalismo” coa fusión dos concellos de Oza e Cesuras. O mesmo sucedeu coa coordinación de servizos públicos nas áreas urbanas, nas que “mesmo chegaron a facer algo inédito en Europa, fixeron unha área metropolitana sen metrópole: Vigo”.

Tampouco deron “nin un só paso na integración de servizos”, e advertiu que mentres a integración de transporte público urbano e interurbano medra un 3 por cento no Estado, en Galicia diminuíu un 17 por cento nun só ano.

Centros de saúde

O responsable socialista esixiulle a Feijóo que explique “cándo vai facer efectiva a transferencia dos centros de saúde” que lle reclaman os alcaldes e que permanece paralizada dende 2011. Actualmente hai, dixo, 166 pendentes, con 29 expedientes pechados “e outros cen en distintas situacións” mentres o goberno galego “non responde”.

O único que coñecen os alcaldes, dixo, é que a Xunta estrangulou o financiamento local nun 40 por cento, eliminando as axudas para vivenda, reducindo o 62 por cento nos programas para emprego, un 85 por cento en ordenación territorial e outro 65 por cento nas partidas para comercio.

Advertiu que “nin Sanidade, nin Presidencia nin Facenda” responden ás demandas dos alcaldes galegos, e desoen as peticións da Fegamp para cambiar o modelo de subvencións para facelas incondicionadas, e “mentres fan un Fondo de Compensación Ambiental reducido incrementan o canon da auga e o de Sogama e queren multiplicar o custe de servizos integrados no Consorcio Galego de Servizos Sociais”.

Criticou tamén que o goberno galego non teña reunido “nunca” a Comisión de Cooperación Local, mentres leva 3 anos sen convocar á Comisión de Seguimento do Pacto Local.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar