Feijóo retrata "un ano perdido" para Galicia

Feijóo retrata "un ano perdido" para Galicia

Feijóo retrata “un ano perdido” para Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou hoxe que o discurso de Feijóo evidenciou “un ano perdido” para Galicia. Así o dixo logo da intervención do presidente da Xunta que deu inicio ao debate do Estado da Autonomía, na que demostrou que “non aposta polo cambio de políticas económicas e sociais que Galicia necesita”.

O responsable socialista explicou que o discurso “nos indica que foi un ano perdido en termos de modernización económica, creación de emprego, inclusión social e redución dos desequilibrios territoriais en Galicia”. Criticou unha intervención “previsible, triunfalista, dun presidente que non se recoñece nos problemas do país e que volve a contarnos medios proxectos coma se foran propostas de futuro”.

Lamentou que “insista, sen facer balance de resultados, nas vellas receitas que nos levaron ate a situación de hoxe, con catro grandes fracturas na sociedade que merecen ser enfrontadas dende o ámbito político”. Referiuse así á fractura social, que “deixa cada vez máis excluídos, con dificultades das familias para chegar a fin de mes, e a xuventude sen posibilidade de emprego estable e de calidade”.

En segundo lugar sinalou a “fractura de xénero” para as “mulleres con máis dificultades para ter unha vida digna, onde a violencia de xénero é un problema de primeira magnitude e a igualdade de xénero unha quimera”.

Engadiu a “fractura xeracional” entre os maiores, con “pensións pouco xenerosas, preocupados polo futuro deste sistema”, e os xóvenes sen posibilidades de emprego en boas condicións e forzados a marcharse ao exterior”. Finalmente, apuntou á “fractura territorial interna enter unha Galicia máis dinámica e unha Galicia interior con máis dificultades para acceder aos bens e servizos básicos”.

Cataluña

O portavoz socialista comezou o balance referíndose ás continuas alusións a Cataluña do presidente galego, polo que sinalou que “dóenos Cataluña, pero por suposto tamén nos doe Galicia”. Sinalou neste sentido que “Feijóo carece de proxecto para o conxunto de España: o seu proxecto chámase exclusivamente Núñez Feijóo”.

Leiceaga apuntou neste sentido que “é perfectamente compatible a defensa da orde constitucional, unha orde legal e lexítima en Cataluña e tamén no conxunto de España, cunha proposta de diálogo que pase pola reforma da Constitución”. O responsable socialista defendeu unha “proposta que combina democracia e diálogo, que forma parte imprescindible do proxecto democrático e que nos valga a todos e todas”.

Reivindicou un “diálogo sen condicións, que permita articular a convivencia cara ao futuro e que pasa sen dúbida por que no Congreso sexamos capaces de poñernos de acordo nun proxecto compartido por tódolos cidadáns de Galicia, de Cataluña e de España, e que a continuación poida ser votado por todos e todas no conxunto de España”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar