Feijóo responderá sobre o dano feito pola austeridade á situación socioeconómica de Galicia

Feijóo responderá sobre o dano feito pola austeridade á situación socioeconómica de Galicia

Feijóo responderá sobre o dano feito pola austeridade á situación socioeconómica de Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, levará as repercusións socioeconómicas da austeridade e o control a ultranza do déficit de Feijóo á sesión de control do Pleno da próxima semana. Os socialistas galegos preguntaranlle ao presidente da Xunta polo suposto beneficio para Galicia do “estrito control do déficit”.

Criticou o veto á comparecencia de Feijóo para dar conta da súa “inexistente política laboral” e dun goberno que responde con “indiferenza” diante da difícil situación do traballo. Méndez Romeu puntualizou os datos de desemprego desta semana evidencian que o repunte de 60.000 contratos temporais apenas se ve reflectido nas 5.000 altas na Seguridade Social, o que cuestiona a viabilidade futura da “caixa das pensións”.

Neste sentido, os socialistas galegos presentarán unha proposición non de Lei para propoñer medidas que garantan a sostibilidade do sistema que o goberno está poñendo en perigo pola “liquidación” do Fondo de Reserva das Pensións sen aportar a cambio ningunha medida na liña dos Pactos de Toledo que garantan as pensións futuras.

O PP tamén vetou hoxe a solicitude de comparecencia presentada polos socialistas galegos para que a Xunta explique por qué continúa sen adoptar ningunha medida para axudar ao sector lácteo un ano despois da desaparición do réxime de cotas na UE. O desleixo do goberno galego, engadiu, provocou unha “situación moito peor, sen perspectiva de futuro e co abandono imparable das explotacións”.

O próximo Pleno si que incluirá unha moción socialista para reclamarlle ao goberno galego un estudo sobre a reordenación do mapa municipal galego e “falar seriamente da fusión de concellos”. Critica que o goberno galego tan só ofreza como balance a “realidade ben pobre” da fusión de Oza e Cesuras, e o anuncio do inicio dun proceso en Cerdedo e Cotobade que “vai polo mesmo camiño”.

Tamén incluirán unha moción para reclamar o desenvolvemento da Lei de Visibilidade e non discriminación das persoas LGTBI e abrir o diálogo entre as organizacións representativas e o goberno galego. Os socialistas presentarán ademais dúas interpelacións sobre a sentenza que anula as prórrogas ao transporte de viaxeiros e sobre a etiquetaxe do mexillón galego.

Finalmente, levarán dúas preguntas orais sobre o impacto da sentenza do Tribunal Constitucional sobre a reforma da Administración Local e sobre a situación da Edar de Santiago de Compostela, logo de que o goberno galego teña agochado a documentación solicitada durante os últimos cinco meses.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar