Feijóo responderá no Parlamento do futuro modelo de financiamento autonómico

Feijóo responderá no Parlamento do futuro modelo de financiamento autonómico

Feijóo responderá no Parlamento do futuro modelo de financiamento autonómico

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamaralle a Feijóo que explique a postura do goberno galego diante do novo modelo de financiamento autonómico e reclamaralle unha posición consensuada da Cámara autonómico. Logo da Xunta de Portavoces de hoxe, explicou que este será o asunto central da sesión de control ao presidente no próximo Pleno do Parlamento.

Os socialistas galegos, explicou, reclaman coñecer “cantos recursos adicionais está disposto a incluír o Goberno central no sistema de financiamento para garantir a xestión da sanidade, a educación e as políticas sociais”. Lembrou que en 2009 a Feijóo parecéronlle “insuficientes” os 9.000 millóns destinados a Galicia por Zapatero, polo que preguntou “canto é hoxe suficiente para el”.

Ademais, reclamoulle ao presidente da Xunta que explique “que porcentaxe debe agardar Galicia a recoller”. Sinalou tamén a marxinación de Galicia en relación aos mecanismos de financiamento extraordinarios postos en marcha por Montoro, como son o FLA ou o Fondo de Facilidade Financeira.

Explicou que fronte a outras autonomías que percibiron entre 2012 e 2015 ata 150 euros por habitante, Galicia só recibiu un, mentres no modelo de financiamento acordado con Zapatero estaba “por riba da media”.

Leiceaga anunciou que este mesmo asunto será tratado nunha xornada de debate organizada polo Grupo Socialista e o PSdeG que o venres reunirá no Parlamento ao secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, ao ex presidente Emilio Pérez Touriño e a Alain Cuenca, membro da Comisión de Expertos que analizou o financiamento autonómico e director xeral de coordinación financeira nos gobernos do PSOE.

O Pleno da próxima semana incluirá tamén unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que se dirixa ao goberno central para garantir a integración da conexión ferroviaria dos portos galegos de interese xeral na Rede transeuropea de transportes. Reclamou que lle propoñan á Comisión Europea o financiamento das obras xa en 2018 para que poidan comezar en 2020.

Apelou así á decisión do goberno central de adiar a decisión ata o ano 2027 e lembrou a urxencia de garantir a conexión ferroviaria da Plisan e establecer o Porto Seco de Monforte como punto de confluencia do transporte de mercadorías coa rede europea.

Laboratorio de Bivalvos

O portavoz socialista reclamoulle ademais ao goberno galego que explique no próximo Pleno que anunciaran a candidatura de Galicia como sede do Laboratorio Europeo de Bivalbos, ubicado en Inglaterra, a pesares de coñecer que este sería desmantelado. Os socialistas presentarán unha pregunta á Xunta para que explique “se o fixeron por ignorancia, descoñecemento ou engano aos grupos parlamentarios e á cidadanía”.

O próximo Pleno incluirá ademais unha interpelación para reclamarlle ao goberno galego que recupere as condicións laborais dos traballadores do sector público autonómico logo do axuste de 2012, así como unha moción na que solicitan o fin da marxinación laboral dos traballadores e traballadoras da Xustiza en Galicia.

Tamén presentarán unha proposición non de Lei para solicitar que a Xunta organice un trampeo masivo contra a avespa velutina en 2018, profundar na investigación e erradicar a especie, afrontando ademais os danos causados na poboación apícola.

Tamén presentarán unha pregunta oral para reclamarlle ao goberno galego que poña en marcha tódalas medidas necesarias para garantir a recuperación das pías bautismais da igrexa de San Xián de Moraime, no concello de Muxía, apropiadas por Carmen Polo de Franco nos anos 60.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar