Feijóo responderá no Parlamento á súa posible fuxida do Goberno logo dos resultados electorais

Feijóo responderá no Parlamento á súa posible fuxida do Goberno logo dos resultados electorais

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, anunciou que no próximo Pleno do Parlamento preguntaralle a Feijóo pola súa “posible fuxida do goberno” galego logo das pasadas eleccións municipais. Logo da Xunta de Portavoces, Explicou que a sesión de control do próximo Pleno centrarase no novo escenario institucional e “en qué medida afectaralle á estabilidade da Xunta”.

Méndez Romeu quere que o presidente da Xunta aclare as informacións que adiantan que renunciará a presentarse á reelección como candidato por parte do PP logo do varapau sufrido polo seu partido nas últimas eleccións municipais e autonómicas. Advertiu sen embargo que tanto el como o presidente do goberno “están a demostrar que non entenderon o resultado das eleccións”.

Así o dixo logo de que anunciaran que “van cambiar en todas partes, pero non se sabe o qué”, ratificándose na súa política económica malia que a única constante dos dispares resultados electorais foi o correctivo aplicado ao PP.

Fundación Camilo José Cela

O responsable socialista urxiulle ao goberno galego unha resposta formal logo da imputación do actual membro do Consello de Contas Dositeo Rodríguez por unha investigación sobre suposta malversación de fondos públicos, fraude coas subvencións e apropiación indebida que se remonta ao ano 2010. Finalmente, sinalou que o goberno galego debe dar conta da súa xestión e dos resultados desta Fundación pública.

Méndez Romeu sinala que a Xunta debe dar conta tamén da actuación dos que daquela tamén eran membros do Padroado da Fundación, o hoxe conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García, e o entón conselleiro de Cultura, Roberto Varela. Anunciou que os socialistas galegos presentarán unha batería de iniciativas parlamentarias diante do clamoroso silencio do goberno galego sobre este caso.

Lembrou a esixencia de que os membros do Consello de Contas sexan persoas de acreditada solvencia e non profesionais da política, como o caso de Rodríguez, que de seguir no seu cargo “vaise dar a situación de que vai fiscalizar as contas dunha Fundación na que tivo un papel sinalado polo que hoxe está a asumir responsabilidades xudiciais”.

Reforma do Regulamento

O Grupo Socialista presentará na próxima sesión do Pleno do Parlamento unha proposición de Lei para a Reforma do Regulamento dirixida a axilizar o funcionamento da Cámara e mellorar a súa transparencia.

O obxectivo, explicou, é eliminar as trabas para a constitución de Comisións de Investigación, garantir o cumprimento do dereito á información oficial dos deputados e deputadas e resolver as eivas á hora de garantir as comparecencias solicitadas pola oposición.

Como exemplo puxo a negativa da maioría do PP a aceptar a comparecencia do presidente da Xunta para dar conta da situación do mercado laboral, cando Feijóo duplicou o número de familias que chegan con dificultades a fin de mes.

Sinalou que hai 70.000 traballadores e traballadoras galegos que apenas perciben 350 euros mensuais, a cobertura de persoas sen ingresos é de apenas o 30 por cento, a metade que en Asturias, e a cobertura para os desempregados é do 50 por cento.

Tamén vetaron a comparecencia do conselleiro da Vicepresidencia, Alfonso Rueda, para dar conta das actuacións levadas a cabo no caso de violencia machista da muller asasinada no CHOU. Criticou que a única reacción do goberno teña sido a “resposta insolente, o desplante que demostra a insensibilidade e desatino” do vicepresidenta ás preguntas formuladas pola oposición no pasado Pleno do Parlamento.

O conselleiro deberá responder sen embargo a unha interpelación presentada polos socialistas galegos sobre o incremento no número de casos de violencia de xénero e os protocolos de actuación previstos para estas situacións.

Iniciativas

O próximo Pleno incluirá ademais unha moción socialista a modo de emenda á totalidade contra a inexistente política de xuventude da Xunta, dirixida a garantir a igualdade de oportunidades, o emprego e o retorno dos mozos e mozas galegos. Tamén incluirá dúas proposicións non de Lei sobre o deterioro das condicións da profesión de enfermaría e un plan específico para a mellora da seguridade no mar a cargo de fondos europeos.

As preguntas presentadas polos socialistas galegos centraranse nesta ocasión sobre as supostas sancións impostas ás entidades financeiras polo uso de cláusulas chan nas hipotecas e sobre a fenda social que hai en Galicia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar