Feijóo responderá dos incumprimentos do seu goberno na próxima sesión de control do Parlamento

Feijóo responderá dos incumprimentos do seu goberno na próxima sesión de control do Parlamento

Feijóo responderá dos incumprimentos do seu goberno na próxima sesión de control do Parlamento

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de converter as leis e “retórica” ao “furtar tódalas garantías do seu cumprimento”. O responsable socialista centrará a sesión de control do Pleno da próxima semana no incumprimento das normas autonómicas por parte do Goberno galego.

Fernández Leiceaga explicou, logo da reunión da Xunta de Portavoces, que o presidente da Xunta está a converter as leis nun “instrumento de publicidade e propaganda”, co que “consegue erosionar a credibilidade do sistema parlamentario e dificulta acadar acordos co seu goberno”. Sinalou que esta práctica fai estéril calquera intento de acordar cambios normativos que o Executivo acabará por converter en papel mollado.

Os socialistas galegos, dixo, queren “confrontar a Feijóo co incumprimento das leis autonómicas e coa necesaria mellora da calidade democrática”. Lembrou que nas sesións parlamentarias do mes de marzo os socialistas xa puxeran sobre a mesa o incumprimento das leis de Igualdade, mentres en abril fixeron o propio coa Lei de Inclusión Social e o incumprimento das obrigas de xestión das axudas da Risga.

Explicou que as iniciativas socialistas centraranse na transparencia e as medidas contra a corrupción na administración, a partir dunha proposición non de Lei para demandar un plan antifraude na contratación pública autonómica. No mesmo sentido, os socialistas presentarán dúas interpelacións sobre a política da Xunta en relación coa transparencia e o bo goberno e sobre o clientelismo nas axudas destinadas ás entidades locais.

O Grupo Socialista defenderá ademais unha proposición non de Lei sobre a realización dun informe do estado de cumprimento da normativa autonómica en materia de igualdade. Tamén preguntarán sobre as garantías de servizo e laborais derivadas do traslado do 112 de Santiago á Estrada e sobre o procedemento de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Bens Inmateriais da Igrexa

Os socialistas galegos defenderán unha moción parlamentaria, derivada da interpelación presentada no último Pleno, sobre a inmatriculación no Rexistro da Propiedade de bens inmobles da Igrexa católica. Fernández Leiceaga considera “posible e desexable” unha “interpretación máis laica” do sistema español, definido como aconfesional, para “tratar á Igrexa como unha institución separada” das institucións públicas.

Fernández Leiceaga lamentou a deriva conservadora que demostra o goberno ao facer unha interpretación das relacións coa Igrexa “non acorde co espírito nin coa letra das leis”. Aludiu á decisión de poñer as bandeiras do Exército a media asta co motivo da morte de Cristo ou a interpretación “demasiado restritiva” da liberdade de expresión ao amparo da Lei Mordaza.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar