Feijóo renuncia á transferencia da AP-9 para preparar o seu desembarco en Madrid

Feijóo renuncia á transferencia da AP-9 para preparar o seu desembarco en Madrid

Feijóo renuncia á transferencia da AP-9 para preparar o seu desembarco en Madrid

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe a Feijóo de “lastrar” a transferencia da AP-9 para preparar “o seu probable futuro desembarco en Madrid”. O responsable socialista censurou a “posición pasiva” do presidente da Xunta na defensa dos intereses de Galicia para evitar situacións incómodas na capital.

O portavoz socialista adiantou o contido da sesión de control ao presidente da Xunta no Pleno do Parlamento que comeza mañá, acusando a Feijóo de prexudicar a tódolos galegos e galegas pola súa “circunstancia persoal” de pretender mudarse á política nacional. O “ánimo neocentralista”, así como a hostilidade fronte a calquera recoñecemento da singularidade autonómica, provocan que renuncie a defender a Galicia.

Por iso, explica, admite o veto ao debate da transferencia da AP-9 “sen argumentos e con tretas regulamentarias”, e por iso evita calquera tipo de aportación relativa á reforma do modelo territorial de España.

Fernández Leiceaga explicou así que o balance do primeiro ano de goberno de Feijóo sexa unha absoluta carencia de proxecto político, cun goberno sen iniciativa lexisladora e cunha recuperación económica que “non se nota” na mellora dos servizos públicos, por moito que Galicia tivera 200 millóns de euros de investimentos adicionais o ano pasado.

Legado

Advertiu que a nula capacidade de impulso do goberno galego provocará que “o legado de Feijóo” sexa facer que Galicia pasara de ter, ao comezo da crise, unha taxa de desemprego seis puntos por debaixo da media estatal, a situarse por enriba en 2018, de acordo con tódalas previsións. Advertiu que a taxa de ocupación galega medra hoxe á metade que o resto do Estado.

Criticou que “presumen de que Galicia crece, pero é algo que pasa en tódalas comunidades autónomas e no conxunto de España” derivado do crecemento da zona euro, das baixas taxas de xuro e dos prezos do petróleo, e non pola actuación específica do goberno galego.

Lamentou que o presidente da Xunta continúe co “chip instalado na crise”, cunha xestión centrada en cadrar as contas e no equilibro presupostario, cando “falta proxecto e capacidade de decidir”, cun goberno sen máis obxectivo que “sobrevivir día a día con políticas de curto alcance”.

Meirás

O responsable socialista reclamou hoxe o apoio de tódolos grupos da Cámara á proposta socialista para constituír unha Comisión técnica que analice as vías posibles para devolverlle o Pazo de Meirás ao patrimonio público sen custe adicional. Só o pluralismo poderá garantir o consenso social para, sinalou, “facerlle reflexionar á familia Franco e cambiar de actitude” cando vexa que ten “enfronte” a toda a sociedade galega.

Fernández Leiceaga explicou as diferenzas coa proposta do PP que se debate no mesmo Pleno, xa que os socialistas, explicou, “queremos que a Comisión sexa plural tamén politicamente” e por iso debe ser a Xunta quen a lidere, pero da que participen a Deputación Provincial e os concellos de Sada e A Coruña.

Deste xeito garantirase o “pluralismo de orixe” con representantes de tódalas institucións e partidos políticos. Ademais, engadiu, a proposta socialista mantén a porta aberta a que a Comisión poida propoñer modificacións legais para conseguir recuperar este patrimonio e “non limitarse a unha mera análise de procedemento”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar