Feijóo quere suprimir a Lei da Dependencia e erradicar a axuda pública a domicilio

Feijóo quere suprimir a Lei da Dependencia e erradicar a axuda pública a domicilio

Feijóo quere suprimir a Lei da Dependencia e erradicar a axuda pública a domicilio

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Beatriz Sestayo, denunciou hoxe a “fraude gobernamental” da Xunta ao incumprir a Lei da Dependencia para preparar a privatización da atención a domicilio. Sestayo advertiu que Feijóo quere “suprimir a Lei da Dependencia e erradicar a axuda pública a domicilio” para “facer negocio” con estes servizos.

 

A responsable socialista lembrou que mentres Feijóo denunciaba unha lista de espera de 16.000 dependentes cando chegou á Xunta, hoxe esa cifra ascendeu ata os 76.847, un 480 por cento mais que en 2009, mentres “a Xunta nin está nin se lle espera”. Sestayo reclamou que a Comisión de Sanidade do Parlamento celebre unha sesión monográfica en setembro para analizar as eivas na aplicación da Dependencia.

 

Os socialistas galegos queren que os responsables da Xunta comparezan diante da Cámara para dar conta do fracaso na súa xestión. A portavoz de Política Social presentou tamén hoxe unha interpelación para que o Goberno galego dea conta diante do Pleno da Cámara do incumprimento desta normativa estatal.

 

Sestayo dixo que o goberno galego pretende suprimir a normativa da Dependencia en Galicia a través dun “caos normativo” que impide de facto a aplicación desta Lei mentres estrangula o seu orzamento. Así, sinalou que a caída nun 80 por cento do orzamento do Plan Concertado –que prestaba atención a domicilio- e dun 50 por cento nas contías da Dependencia sitúan a atención social 30 anos atrás.

 

Grandes dependentes

 

Advertiu que esta política está a provocar “bolsas de grandes dependentes sen atención a domicilio” que permanecen “ao albur duns servizos sociais municipais que hoxe están colapsados”. Dixo que esta situación provoca “fendas sociais” e sitúa a sectores da poboación “ao amparo da beneficencia”, o que “evidencia que en Galicia non hai estado social nin de dereito”.

 

Así o evidencia tamén que mentres a Xunta incumpre a Lei da Dependencia e as listas de espera dispáranse, ao mesmo tempo dificulta o acceso a estas axudas, aplica un tarifazo aos servizos de axuda a domicilio e implanta o copago por medicamentos.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar