Feijóo quere modificar o Consello de Contas sen consultalo co propio órgano

Feijóo quere modificar o Consello de Contas sen consultalo co propio órgano

Feijóo quere modificar o Consello de Contas sen consultalo co propio órgano

O portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Juan Carlos González Santín, cualificou hoxe de “escandalosa falla de respecto” por parte de Feijóo que teña iniciado a elaboración da proposta de modificación do Consello de Contas sen consultalo co propio órgano. Así o dixo na comparecencia do conselleiro maior na Comisión celebrada hoxe para presentar o Plan Anual de Actividades do órgano para o ano 2015.

O responsable socialista considera “esperpéntico” que o propio conselleiro maior recoñecera hoxe ter comunicación da dita reforma “polos medios de comunicación”. Puxo en dúbida o “verdadeiro interese” do presidente da Xunta en levar a cabo unha modificación do calado da que ten anunciado “obviando as aportacións dos propios responsables do órgano”.

O debate de hoxe deixou claro tamén que “o goberno tenlle encargado a unha parte do Consello Consultivo a elaboración da Lei de Financiamento dos Partidos que tamén afecta ao Consello de Contas sen que nin el nin os seus membros do Consultivo llelo comunicaran ao conselleiro maior” evidenciando unha “xerarquía” de “órganos de primeira e de segunda”.

Esta forma de actuar, dixo, “confirma o escaso interese que ten Feijóo en que o órgano funcione correctamente, como demostra ao ter bloqueada a renovación do órgano con só 3 dun total de 5 conselleiros”.

González Santín recibiu esta información de boca do propio conselleiro maior logo de interesarse polos anuncios do presidente da Xunta polos que supostamente quere atribuírlle ao órgano competencias na prevención da corrupción. Dixo que “chama a atención que non teñamos claro cómo nin cándo quere modificar as competencias do órgano fiscalizador” pero, engadiu, “que non o saiba o propio conselleiro maior supera o surrealista”.

Informe de fiscalización

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, interveu no debate das propostas de resolución relativas aos informes anuais de fiscalización dos plans de traballo de 2013 e 2014, coas que reclamou a posta en marcha de novos mecanismos de control sobre os cursos de formación impartidos pola Xunta.

Os socialistas queren garantir así a inspección sobre uns cursos que están a ser investigados dentro da Operación Zeta, que analiza o seu uso para efectuar pagos irregulares a determinadas empresas da órbita do PP e mesmo financiar ilegalmente a este partido. O propio Consello de Contas, lembrou, ten alertado sobre a opacidade nos cursos de formación no seu informe correspondente aos plans de traballo de 2013 e 2014.

Gallego urxiu á Xunta a mellorar a información subministrada nos procesos de contratación realizados polo sector público, aumentando a transparencia e a documentación para evitar calquera sombra de sospeita e garantir a limpeza e publicidade destes procedementos.

Os socialistas galegos tamén presentaron unha proposta de resolución para que a Xunta valore as previsións futuras de cuantificación da débeda pública e faga pública a débeda correspondente ás entidades instrumentais. Lembrou que, de acordo cos Orzamentos da Xnuta, a débeda pública sumará 10.500 millóns de euros en 2015, un 170 por cento mais que en 2008 “sen que saibamos para qué”

Tamén reclamou ao goberno galego que mellore os graos de execución do gasto público e demandou un informe sobre o baixo grao de execución dos programas que non chegaron ao 75 por cento. Sinalou que a Xunta deixou sen executar en 2014 un total de 992 millóns de euros do total de 1.671 de que dispoñía para dedicar a investimentos durante 2014.

Recomendacións

Os socialistas galegos tamén presentaron unha serie de propostas no debate da Memoria anual de actividades do órgano correspondente ao ano 2013 nas que se incklúe a instrución do “oportuno procedemento xurisdicional” das irregularidades detectadas nos procedementos de contratación e concesión de subvencións da Xunta, trasladándoas ao Tribunal de Contas.

Tamén propoñen “afondar na valoración ao respecto da xestión realizada dos fondos europeos” e sinalar os investimentos realizados e aqueles que deixaron sen executar, logo de lembrar que a día de hoxe a Xunta teña sen executar 400 millóns de euros procedentes dos fondos Feder pola falla de financiamento propio.

Ademais, recomendan a análise e valoración da eficacia das medidas postas en marcha contra a fraude fiscal e laboral polas consellerías de Traballo e Benestar Social e de Facenda.

Finalmente, recomendan afondar na información subministrada en relación ás licitacións baseadas no financiamento público – privado, e nomeadamente “na derivada da contratación dos servizos do Hospital de Vigo”, efectuando “unha concreta valoración sobre o cumprimento da concesionaria das obrigas establecidas no contrato”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar