Feijóo quere facer hospitais "de segunda" para xente "de segunda"

Feijóo quere facer hospitais "de segunda" para xente "de segunda"

Feijóo quere facer hospitais “de segunda” para xente “de segunda”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe “reforzar a sanidade pública” fronte ao anteproxecto de reforma da Lei de Saúde coa que o goberno galego quere facer desaparecer as áreas sanitarias de A Mariña, O Salnés, Lemos e Valdeorras, derivando a atención aos hospitais de referencia.

Fernández Leiceaga sinalou que “é máis importante potenciar os hospitais públicos, e non convertelos en hospitais de segunda, con áreas sanitarias de segunda para cidadáns de segunda categoría”.

O responsable socialista lamentou hoxe que o PP vetara, na Deputación Permanente do Parlamento celebrada onte, a comparecencia do conselleiro de Sanidade para dar conta dunha reforma dirixida a “recortar a sanidade pública e suprimir catro áreas sanitarias”. Amosouse “a favor de reforzar a sanidade pública, non de recortala, porque non pode haber diferenzas na atención a cidadáns dunha e outra zona de Galicia”.

Leiceaga viaxou hoxe ata Burela para participar, xunto co presidente da Deputación de Lugo e alcaldes e portavoces socialistas, na concentración convocada polas xuntas de persoal dos centros afectados. O portavoz socialista visitou o luns o Hospital do Salnés e viaxará a próxima semana aos hospitais de Lemos e Valdeorras.

Na concentración de hoxe participaron, xunto co portavoz socialista, o viceportavoz do Grupo Parlamentario e deputado de Lugo, Luis Álvarez, o portavoz de Sanidade, Julio Torrado, os alcaldes dos concellos lugueses de Burela, Viveiro, Ourol, Trabada, Valadouro, Lourenzá ou Alfoz, así como representantes institucionais e políticos de toda a comarca.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar