Feijóo provoca o abandono do rural

Feijóo provoca o abandono do rural

Feijóo provoca o abandono do rural

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de ter provocado o abandono do rural cunhas políticas “de resultados desastrosos”. Na sesión de control ao presidente, reclamoulle “apuntarse ao pragmatismo” e proceder a reforzar o Banco de Terras e reformar as Sofor para dotarse de instrumentos eficaces.

O responsable socialista reclamoulle a Feijóo “rectificar” nas súas políticas co medio rural para garantir unha intervención pública que “corrixa aquelo que o mercado non está facendo ben”. Reclamou “un futuro para a actividade agrogandeira e forestal, procurar unhas condicións de vida dignas para as persoas que viven no rural na busca dun territorio vivo que é a mellor protección contra o lume”.

Os socialistas galegos propuxeron hoxe reforzar o Banco de Terras de Galicia –Bantegal- con persoal e medios logo do seu desmantelamento polo presidente da Xunta. Este instrumento, dixo, resulta “imprescindible” como intermediario para a compra – venda de explotacións, a mobilización produtiva dos montes veciñais e fincas privadas abandonadas, prestar apoio aos proxectos solventes que precisen terras.

Advertiu que a súa xestión por parte do goberno de Feijóo provocou o colapso dun instrumento eficaz, ata que en maio de 2016 só houbera 978 hectáreas cedidas voluntariamente, co que só estaban arrendadas un 8 por cento das fincas, a metade das que había en 2009. Puntualizou que “cando as fincas son boas hai demanda, e podería funcionar se houbera atención e incentivos”.

Propuxo tamén reformar as fracasadas Sociedades de Fomento Forestal –Sofor-, que viñeron substituír ás Unidades de Xestión Forestal –Uxfor-, co que substituíu un instrumento de intervención adecuado por outro “fracasado”, como evidencia que en 6 anos só se constituíran 5. Propuxo así “complementalas con instrumentos flexibles con apoio público, agrupando parcelas para unha xestión conxunta racional e multifuncional”.

Fernández Leiceaga criticou a política “de impostos 0” no rural cando “colaboran co señor Montoro para que tributen as cesións dos dereitos de cultivo como incrementos patrimoniais” e cargar de impostos aos propietarios, mentres as axudas “quédanse en calderilla” e desmantelan o Fondo Galego de Garantía Agraria –Foga-.

Regresión do rural

O portavoz do Grupo Socialista acusou ao presidente da Xunta de “presumir de que esta vai ser a Lexislatura do rural” cando en realidade “debera ser proclamado o presidente da regresión do rural”. Explicou que “por cada 5 persoas que vivían do agro cando vostede chegou á presidencia hoxe só quedan 3”, e dos 117.000 traballadores no medio rural rexistrados pola EPA en 2008, no último dato feito público só chegan a 70.000.

Sinalou que “Galicia ten un grave problema de estruturas agrarias e forestais, con consecuencias dramáticas, como vimos coa vaga de lumes”. Explicou que hoxe hai “menos de 70.000 explotacións, pero 1,6 millóns de propietarios rurais e 11 millóns de parcelas, e 600.000 propietarios forestais e 6 millóns de parcelas”.

Apuntou que “coa caída do número de produtores agrarios cada vez hai máis terra dispoñible, hai sitio para todo tipo de producións, e ao tempo as explotacións son aínda pequenas e dependentes do exterior”. As políticas fracasadas do goberno galego provocan que “hai terra dispoñible, hai necesidades de terra pero aínda así predomina o abandono”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar