Feijóo provoca a debilidade dos gandeiros fronte á desaparición da cota láctea

Feijóo provoca a debilidade dos gandeiros fronte á desaparición da cota láctea

Feijóo provoca a debilidade dos gandeiros fronte á desaparición da cota láctea

vacasO portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García, acusou hoxe ao presidente da Xunta de provocar a situación de estrema debilidade do sector leiteiro galego fronte á desaparición do sistema de cotas. Lembrou que dous meses antes da data límite aínda non foi posto en marcha un paquete lácteo dispoñible dende 2010.

Instou a Xunta e PP a que utilicen “o mecanismo que queiran”, emprazándoos á xuntanza que manterá o sindicato Unións Agrarias cos grupos parlamentarios mañá xoves, para “clarificar cal é a súa posición diante da reforma do decreto que regula o paquete lácteo”. Sinalou que o feito de que Galicia sexa a principal produtora de leite do Estado obriga á Xunta a liderar a defensa do sector, xa que do contrario “a situación non se resolve”.

Criticou que hoxe os produtores galegos teñen o prezo do leite mais baixo de Europa e veñen de autoaplicarse a multa láctea forzando a redución da produción logo de que a Xunta “respaldara a estratexia absurda do Ministerio de amedrentar aos gandeiros”. Lembrou a ameaza do goberno dunha multa por unha supertaxa de 300.000 litros cando finalmente a sobreprodución é duns “anecdóticos 12.000 litros” en todo o Estado.

Agora os gandeiros galegos teñen que afrontar o remate do sistema de cotas e a apertura da competencia na UE co prezo do leite mais baixo, 3 céntimos por debaixo da media do Estado e ata 8 céntimos con relación ao resto de Europa. Estes mesmos produtores atópanse debilitados logo de sacrificar cabezas de gando e mesmo alugado unha cota láctea innecesaria pola ameaza de multa que trasladaron Xunta e goberno central.

Pablo García sinalou que o desleixo da Xunta á hora de poñer en marcha o paquete lácteo e as modificacións ao decreto que o regula está a facer realidade as peores previsións para o sector que os socialistas galegos advertiron dende o mes de outubro.

Hoxe hai produtores obrigados a asinar contratos co leite xa recollido a tan só 25 céntimos o litro e de tan só un mes de duración, e explotacións que teñen que vender a súa produción a dous prezos diferentes. Estes produtores atópanse en mans dunha industria que non dubida en facer retencións ilegais de produto e esixir avais bancarios que teñen que ser sufragados polos propios produtores.

Advertiu tamén que o retraso dos gobernos central e autonómico farán que o decreto que regula o paquete lácteo “non teña servido para nada” logo de ser aprobado con importantes eivas esquecendo as recomendacións da UE. Este decreto continúa sen regular a figura do mediador entre produtores e empresa, non garante a recollida do leite en prazo nin que os contratos teñan unha duración mínima dun ano.

Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar