Feijóo prepara o terreo ás municipais mantendo conselleiros no Parlamento

Feijóo prepara o terreo ás municipais mantendo conselleiros no Parlamento

Feijóo prepara o terreo ás municipais mantendo conselleiros no Parlamento

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, fixo hoxe unha lectura en clave interna da decisión de Feijóo de manter a cinco conselleiros como deputados, logo de dúas lexislaturas impedindo a acumulación de cargos. Logo da Xunta de Portavoces, o responsable socialista sinalou que con esta decisión o presidente da Xunta “prepara o terreo ás municipais”.

Fernández Leiceaga sinalou que o próximo Pleno comezará coa toma de posesión de cinco novos deputados do PP que virán a substituír a outros tantos que tamén son conselleiros. A finalidade, dixo, é “darlles un seguro de vida” aos cinco que manteñen a súa acta para que poidan “facer campaña nas mellores condicións” cando virtualmente teñan que abandonar o goberno.

O presidente da Xunta divide ao seu gabinete, dixo, en dúas clases de conselleiros, os “chamados a saltar á area local” e “o resto, que contan a priori con máis garantía de continuidade”.

Polo camiño queda, dixo, o principio de “unha muller, un home, un cargo”, que formaba parte dos criterios defendidos por Feijóo no seu primeiro mandato, como fixo coa austeridade ao subirse o salario propio e dos seus altos cargos a partir deste ano. Explicou que o presidente da Xunta vai paulatinamente deixando de lado os seus “compromisos coa exemplaridade pública”.

Lamentou que o presidente da Xunta si que manteña o criterio de rexeitar todas e cada unha das emendas presentadas pola oposición aos orzamentos autonómicos, dando a medida do seu talante político. Unhas contas que, ironizou, “non só fixeron en tempo récord –logo de que o conselleiro anunciara que os tiña listos antes da campaña electoral de setembro-, senón que ademais son “perfectos” ao rexeitar tódalas emendas.

AVE

Fernández Leiceaga advertiu que “vendo cómo van evoluíndo os acontecementos” co desfile de “novas datas, pretextos e desculpas” para a chegada do AVE a Galicia, o presidente da Xunta sairá da xuntanza co ministro de Fomento desta tarde “cun retraso parcial e en diferido” da infraestrutura.

Sinalou o risco de que a conclusión da viaxe de Feijóo a Madrid sexa “adiar a chegada do AVE ata o horizonte de 2019 ou 2020”, unha data que ademais, dixo, “non se vai cumprir” e que ademais “non van completar o tramo Taboadela – Ourense – Empalme”.

Sinalou que o próximo Pleno incluirá o debate sobre a conexión ferroviaria grazas a unha moción presentada polo grupo socialista para reclamarlle á Xunta que reivindique o cumprimento do compromiso de manter 2018 como data límite. Tamén ofrecerán a proposta de acelerar o tramo Ourense – Taboadela – Empalme coa licitación conxunta de proxecto e obra, e pedirán a convocatoria da Comisión de Seguimento.

Fernández Leiceaga reclámalle ao goberno galego que reivindique o convenio asinado co goberno nos termos orixinais “especialmente logo de que quedara claro que a idea de que o retraso se debía a que o goberno estaba en funcións era falsa”, cando “non tiveron empacho en prorrogar Ence. Así o confirmaron as empresas afectadas, sinalou, que “explicaron que o problema foi que non quixeron asumir os modificados do contrato”.

O próximo Pleno incluirá ademais unha proposición no de Lei do Grupo Socialista para reclamar un plan de reversión total do copagamento farmacéutico, comezando coa retirada aos xubilados que perciban menos de 800 euros ao mes. Esta medida suporía un investimento de 40 millóns de euros ao ano, unha contía perfectamente asumible para o goberno que renunciou ao investimento adicional aberto polo goberno central.

Tamén será debatida unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno a execución total, en 2017, do Plan de Infraestruturas Xudiciais 2010 – 2015, que conta xa con dous anos de adiamento.

Automóbil

O portavoz socialista levará á sesión de control ao presidente do próximo Pleno unha pregunta sobre a situación da industria auxiliar do automóbil en Galicia, que afecta nomeadamente á área de influenza de Vigo. Dixo que Feijóo debe ofrecer unha resposta logo de que das últimas 20 implantacións de empresas auxiliares se saldaran con “20 para o Norte de Portugal, 0 para Galicia”.

A Xunta debe presentar, dixo, “unha avaliación da situación e as medidas que está disposta a tomar”, e instou a Feijóo a que deixe de “mirar para outro lado” fronte ao “trasvase continuado” de iniciativas industriais de Galicia ao Norte de Portugal.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar