Feijóo permanece "desaparecido" diante dos drásticos recortes orzamentarios a Galicia

Feijóo permanece "desaparecido" diante dos drásticos recortes orzamentarios a Galicia

Feijóo permanece "desaparecido" diante dos drásticos recortes orzamentarios a Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, censurou hoxe “radicalmente” a “desaparición” de Feijóo e a súa negativa a comparecer para dar conta dos severos recortes dos orzamentos de Rajoy a Galicia. O responsable socialista compareceu hoxe en rolda de prensa para denunciar a “estratexia da confusión” argallada pola Xunta e o PP para “ocultar o fracaso da xestión do presidente da Xunta”.

Losada sinalou que o presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, reclamaralle a Feijóo que rompa co seu “silencio cómplice” cos orzamentos aprobados por Madrid na sesión de control do Pleno do Parlamento que comeza mañá. Os socialistas queren que explique a súa falla de medidas para loitar contra a “progresiva desaceleración” e “perda de músculo económico” de Galicia dende a súa chegada á Xunta.

Considera especialmente grave que o presidente da Xunta permaneza “agochado” cando a súa comparecencia faise “imprescindible” diante duns orzamentos que “atacan claramente calquera estratexia de crecemento económico e creación de emprego en Galicia. Dixo que os recortes afectan aos galegos directa e indirectamente e ademais rebaixan en 3 puntos as previsións de crecemento do PIB dos orzamentos da Xunta.

Así, explicou que mentres o goberno galego aprobou uns orzamentos que prevían un crecemento do 1,5 do PIB da economía, o goberno central ven de dilapidar esta previsión ao anunciar unha caída de entre o 1,5 e o 1,7 por cento. O responsable socialista considera que esta situación é “suficiente para que Feijóo dea a cara” en lugar de agocharse detrás dunha “estratexia da confusión”.

Dixo neste sentido que o anuncio dunha recadación de 230 millóns de euros pola loita contra a fraude fiscal anunciada pola Xunta “pura e simplemente é falso”, xa que considera “literalmente imposible” recadar esa contía nun orzamento que prevé 900 millóns de euros de ingresos. Do contrario, dixo, “deben explicar onde están e onde foron” estes fondos adicionais dos que non se sabe nada.

Losada reclamoulle ao presidente da Xunta que explique por qué continúa con recortes sistemáticos cando,  malia que Galicia ten que recortar 71 millóns de euros para cumprir co déficit, o aprazamento de 5 a 10 anos dos anticipos percibidos supoñen 220 millóns de euros a maiores, co que a caixa galega conta con 150 millóns de euros netos adicionais.

Orzamentos indefendibles

Acusa ao presidente da Xunta de permanecer agochado fronte a uns orzamentos do Estado “indefendibles” que recortarán a Galicia entre 80 e 100 millóns de euros correspondentes ás políticas activas de emprego. Criticou que mentres as partidas dirixidas aos desempregados diminúen correlativamente –ata a práctica desaparición en casos como as escolas-obradoiro-, os fondos dos empresarios medran un 6 por cento.

O responsable socialista engade que a Dependencia sufrirá un recorte de 30 millóns de euros en Galicia ata a súa desaparición, polo que a Xunta debe explicar “qué vai facer o goberno galego para cubrir este déficit que se trasladará aos concellos”. Criticou que as únicas iniciativas amosadas polo goberno sexa condenar aos usuarios a “pagar cada vez mais” ou condenar ao copago ás rendas superiores a 425 euros ao mes.

Considera “pura e simplemente inmoral” que estes recortes e as propostas de implantar o copago coincidan coas amnistías fiscais ao diñeiro negro con apenas o 10 por cento de custe e sen castigo ningún. Engadiu que Galicia verá tamén recortadas as partidas de I+D+i en 100 millóns de euros –que se suman aos 30 xa recortados en 2011- en contra de tódalas prácticas necesarias para a recuperación económica.

Alcalde de Santiago

Abel Losada reclamoulle ao presidente da Xunta que aplique con Conde Roa o seu suposto compromiso coa transparecencia e as boas prácticas democráticas, logo de “enchérselle a boca coa aposta pola rexeneración democrática e o compromiso de erradicar as prácticas irregulares” a través dun “contrato coa cidadanía”.

Dixo que o alcalde de Santiago “debera pensar seriamente en dimitir” logo de que “todo parece indicar que en lugar de intermediario creuse o depositario” dos pagos do IVE de 60 vivendas que vendeu a través da súa inmobiliaria.

Tamén criticou que o presidente da Xunta dirixa toda a súa estratexia de loita contra o lume na “busca de culpables, responsables e coartadas en todas partes salvo nos ámbitos da súa competencia”. Sinalou que Feijóo atópase en “permanente exercicio de prestidixitación para agochar a incapacidade de xestión e a súa actuación ideolóxica”.

Malia que respaldou a persecución aos incendiarios, Losada dixo que esta actuación debe convivir coa política de prevención e extinción do lume que se viu sistematicamente recortada pola Xunta dende a chegada do PP. A consecuencia, explicou, é que no último ano arderon as tres principais zonas protexidas de Galicia, como son as Fragas do Eume, a Serra do Invernadoiro e o Parque do Xurés.

zp8497586rq

32641281A

Artigos relacionados

Pechar