Feijóo non quere subir as pensións logo de incrementar un 7 por cento o salario dos seus conselleiros

Feijóo non quere subir as pensións logo de incrementar un 7 por cento o salario dos seus conselleiros

Feijóo non quere subir as pensións logo de incrementar un 7 por cento o salario dos seus conselleiros

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe a oposición de Feijóo a subir as pensións ao nivel do IPC precisamente un ano despois de aumentar o salario aos membros do seu goberno nun 7 por cento. O responsable socialista propuxo hoxe un “cambio de 180 graos” no modelo fiscal do PP para compatibilizar a sostibilidade coa equidade e a dignidade dos pensionistas.

Fernández Leiceaga dedicará a sesión de control do Pleno de mañá ás demandas dos pensionistas galegos que esta fin de semana se concentraron en toda España reclamando unhas pensións dignas. Logo de que Feijóo equiparara o conflito na xustiza coa suba das pensións, sinaloulle se “agora estará disposto a aplicarlles aos pensionistas a mesma suba que lles está a ofrecer aos funcionarios e que lle aplicou ao seu goberno o ano pasado”.

O goberno estalles ofrecendo aos pensionistas unha suba do 0,25 por cento, moi por debaixo do IPC, o que resulta “inaceptable dende o punto de vista social”, e que supón unha perda de poder adquisitivo inasumible. Estas persoas, dixo, comezan percibindo pensións de 800 euros en Galicia, que cunha inflación do 2 por cento –menor á real-, suporía que en 20 anos estarían por debaixo dos 600 euros.

O portavoz socialista alerta da “desorientación” demostrada polo PP neste asunto, que sitúa a redución do papel dos servizos públicos no seu ADN político, impedindo que a recuperación económica se traduza nun proxecto de servizos sociais. Puxo en dúbida que a proposta de Feijóo neste sentido sexa precisamente baixar os impostos, cando resulta urxente aumentar os ingresos públicos a través dunha base fiscal máis ampla.

Apuntou que “non podemos ter un sistema de protección social centroeuropeo cunha fiscalidade do sur de Europa”, e apuntou a “ser europeos nas prestacións e tamén na fiscalidade”. En calquera caso, apelou a levar o debate ao Pacto de Toledo, para acadar solucións que permitan a equidade e a dignidade das pensións compatibles coa sustentabilidade.

“Hai reformas fiscais máis progresistas e máis conservadoras, pero o certo é que necesitamos unha”, resumiu diante da inacción do gobernos central e autonómico, logo de lembrar que a proposta elaborada por encargo de Montoro pola Comisión de Expertos ao comezo da Lexislatura foi “gardada nun caixón”.

Lei de Saúde

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, emprazou ao PP a incluír na reforma da Lei de Saúde que se debaterá mañá martes o catálogo de servizos que garanta unhas prestacións mínimas iguais en todo o territorio de Galicia. O responsable socialista anunciou que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e máis de 20 alcaldes das áreas de Monforte, A Mariña, O Salnés e Valdeorras seguirán o debate na tribuna de invitados.

O responsable socialista lamentou que o PP “non quixera impedir por Lei que se producira a redución de servizos sanitarios” negociando a emenda dos socialistas que incorporaba un catálogo de servizos “posible e realista”. O PP, dixo, rexeitou a máis de 100 aportacións da cidadanía, e das máis de 100 emendas da oposición, tan só aceptou 3 e transaccionou unha.

Fernández Leiceaga ligou o debate da sanidade pública á reforma do financiamento autonómico, que de acordo coa Comisión de Expertos do Goberno precisaría un mínimo de 16.000 millóns de euros adicionais. Isto suporía máis de 1.000 millóns de euros adicionais para os orzamentos da Xunta de Galicia que permitirían mellorar as prestacións sanitarias, educativas e de servizos sociais.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar