Feijóo "non está á altura" da defensa de Galicia por ser "cómodo" para Madrid

Feijóo "non está á altura" da defensa de Galicia por ser "cómodo" para Madrid

Feijóo “non está á altura” da defensa de Galicia por ser “cómodo” para Madrid

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe que o presidente da Xunta teña demostrado que “non está á altura das necesidades de defensa dos intereses de Galicia”. Así o dixo nun almorzo informativo, xunto coa viceportavoz Patricia Vilán, no que presentaron as liñas estratéxicas de oposición para o próximo ano, centradas no emprego, a sanidade ou o financiamento autonómico.

O responsable socialista advertiu que o presidente da Xunta “privilexia a súa estratexia persoal” na que mantén “un ollo posto en Madrid”, co que esfórzase en ser “cómodo para o poder central” en detrimento do intereses dos galegos e das galegas. Apuntou así á súa indolencia á hora de reivindicar un modelo de financiamento autonómico que non prexudique a Galicia ou de reivindicar as infraestruturas pendentes.

Criticou que Feijóo faga “mutis polo foro” mentres Montoro distorsiona o modelo de financiamento a través do FLA ou do Fondo de Facilidade Financeira para beneficiar ás comunidades autónomas máis ricas ou ás que incumpren os obxectivos de déficit e débeda. Ademais, dixo, a posición da Xunta, renunciando á capacidade de endebedamento ou de cumprimento escrupuloso co déficit “debilita a nosa estratexia”.

Acusou á Xunta de presentarse á negociación para reclamar máis fondos dando sinais de que estes non son necesarios supón “pegarse tiros nos pés” co único obxectivo de “acomodarse ás doutrinas das elites de Madrid” e prexudicar a toda unha Comunidade Autónoma polo interese persoal do presidente da Xunta. Anunciou neste sentido propostas con obxectivos sensatos pero, advertiu, “non estamos para dar cheques en branco”.

A mesma estratexia, dixo, que se sitúa detrás da indolencia do goberno galego á hora de reivindicar a transferencia da AP-9 a Galicia, que foi vetada polo goberno, ou da incorporación de Galicia ao Corredor Noroeste de mercadorías por Ferrocarril.

Deficiencias de xestión

A incapacidade de defensa dos intereses de Galicia por parte de Feijóo será un dos dous eixos da liña política que os socialistas galegos completarán evidenciando as “deficiencias de xestión” da Xunta. Sinalou que “Feijóo presume, pero as políticas concretas do goberno galego teñen enormes dificultades á hora de darlle solución aos problemas dos galegos e das galegas.

Apuntou neste sentido ás eivas en materia de política forestal ou da reforma das estruturas agrarias, pasando polo “incomprensible” veto do PP ás principais propostas dos socialistas para incorporar á Comisión de Estudo dos incendios. Tamén criticou a falla de políticas de impulso da creación de emprego en Galicia, no que o exemplo máis claro é “o fracaso na posta en marcha das iniciativas da UE para o financiamento de emprego xuvenil”.

Sanidade

Explicou que os socialistas galegos presentarán “propostas e solucións” e intentarán incorporar ás demais forzas da oposición a unha liña conxunta en “temas de país” como o dito financiamento, o emprego ou a sanidade. Advertiu que nas próximas datas será precisamente a sanidade un dos temas centrais no debate político logo do colapso do sistema derivado do pico da gripe e da inminencia da reforma da Lei de Saúde.

Fernández Leiceaga responsabilizou ás políticas de desmantelamento dos oito anos de goberno de Feijóo, que deixaron “anoréxicos” aos servizos de atención primaria, provocando que os doentes se dirixan ás urxencias, colapsando o servizo. Criticou que o goberno galego “agoche a cabeza baixo as ás” ao derivar a responsabilidade ao uso da sanidade que fan os pacientes.

Trátase dunha “mala política”, dixo, que non agocha que Feijóo é responsable de ter reducido en 1.000 camas o sistema sanitario público, por moito que agora “presente un parche tardío” para solventar unha crise puntual. Trátase, explicou, dun “problema de planificación, previsión e dotación de recursos” e criticou a incapacidade da Xunta de mellorar as condicións da sanidade “logo de tantos anos de recortes”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar