Feijóo limita ás conselleiras a xestionar só o 13 por cento do Orzamento da Xunta

Feijóo limita ás conselleiras a xestionar só o 13 por cento do Orzamento da Xunta

Feijóo limita ás conselleiras a xestionar só o 13 por cento do Orzamento da Xunta

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, sinalou hoxe á falla de igualdade no Goberno de Feijóo, con 4 conselleiras dun total de 10. O responsable socialista interveu na sesión de control ao presidente para criticar as políticas de igualdade da Xunta, que reduciu o orzamento neste apartado un 78 por cento dende a chegada de Feijóo.

Méndez Romeu presentou a composición do goberno da Xunta como “dato simbólico” da falla de interese sobre as políticas de igualdade, con 4 conselleiras mulleres para as que “tivo que darlle a cada unha media Consellería, e todas xuntas somentes xestionan o 13 por cento do orzamento” do goberno galego.

Sinalou así a falla de orzamentos para a loita contra a desigualdade, que derivou en outras medidas drásticas como reducir a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero dende os 34 a 40 meses que recibían entre salario e prestacións no ano 2008 ata os apenas 6 meses do goberno actual. Concédelles a sexta parte do apoio, dixo, “e sen embargo a violencia repuntou e temos a peor cifra do Estado”.

O portavoz do Grupo socialista continuou apuntando ás medidas lexislativas “do goberno amigo”. Estas pasan pola supresión do dereito á interrupción voluntaria do embarazo para as mulleres de 16 e 17 anos, as dificultades impostas nos tratamentos de reprodución asistida ou “o escándalo da atención lamentable aos abortos euxenéticos” no Hospital de A Coruña.

“Con estes antecedentes –apuntillou- non me estraña nada que aúpe, abrace e encumbre a Baltar, o mesmo que en lugar de facer unha convocatoria pública para a cobertura de postos de traballo prefire citar á xente en condicións humillantes na suite 505”. Aludiu así á reelección do presidente do PP de Ourense, inmerso nun proceso xudicial por ofrecer presuntamente traballo a cambio de sexo.

Traballo e formación

Méndez Romeu lembrou que as mulleres galegas hoxe teñen máis dificultades de acceso e permanencia e menos oportunidades de promoción que os seus compañeiros varóns e perciben un salario un 23 por cento inferior. Ademais, en Galicia as mulleres dedican ao traballo doméstico 4 horas por cada hora dos homes, padecen un 75 por cento de temporalidade e pensións máis baixas.

A desigualdade parte, dixo, da mesma formación das mulleres galegas, cando en FP dúas terceiras partes dos estudantes da rama administrativa son mulleres, ao mesmo que o 94 por cento de imaxe e perruquería, o 86 por cento de servizos sociocomunitarios e o 88 por cento de téxtil, as ramas con peores salarios.

Sen embargo, as ramas con mellores salarios están ocupadas maioritariamente por homes, xa que as mulleres son só o 3 por cento de automoción, o 8 por cento de enerxía, o 14 por cento de informática e o 17 por cento de instalacións e mantemento.

Sensibilidade

Méndez Romeu comezou ironizando sobre a “sensibilidade de abondo co sufrimento das persoas” demostrado por Feijóo ao expulsar á mocidade do mercado, devaluar salarios e suprimir dereitos para garantir o medre dos beneficios empresariais ao mesmo tempo que empeoraba o nivel de vida da maioría da xente”.

Esta é a “folla de servizos” dun goberno entregado ás “fracasadas receitas de austeridade contrarias ao crecemento” e dedicado a “regalarlle o vento de Galicia a algunhas empresas a cambio de investimentos ilusorios, permitir o pelotazo do Hospital de Vigo pagando máis do duplo do seu custe real e privatizar sen criterio todo tipo de servizos públicos en favor duns poucos”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar