Feijóo incumpre sistematicamente os seus compromisos co sector económico e industrial

Feijóo incumpre sistematicamente os seus compromisos co sector económico e industrial

Feijóo incumpre sistematicamente os seus compromisos co sector económico e industrial

Parlamento de GaliciaO portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, anunciou que o Grupo Socialista dedicará a próxima sesión de control ao presidente da Xunta polo continuo incumprimento das promesas do presidente da Xunta aos sectores económico e industrial de Galicia. Así o anunciou logo da Xunta de Portavoces do Parlamento que fixou a orde do día do próximo Pleno.

O responsable socialista adiantou que centrará a sesión de control no desleixo e a falla de compromiso do presidente da Xunta co impulso da actividade económica e industrial e, polo tanto, na reactivación da creación de emprego, unha actitude especialmente grave “na situación económica e social do país”.

Os socialistas preguntaranlle ademais ao goberno galego sobre a situación de Alcoa e as empresas consumidoras de electricidade, como o caso de Ferroatlántica ou Megasa, “abocadas ao peche ou como mínimo á redución de actividade” como consecuencia da convocatoria de subastas de electricidade claramente lesivas mentres “nada se sabe da actuación do goberno galego”.

O próximo Pleno do Parlamento incluirá tamén unha interpelación para reclamarlle ao goberno galego que estenda a protección por desemprego, precisamente cando o número de persoas sen prestación de desemprego xa supera aos que cobran o paro. Sinalou que actualmente hai 130.000 parados con prestación, fronte aos 150.000 que non a perciben, o que provoca un “elevadísimo número de fogares sen ingresos”.

Mentres, dixo, o PP ten vetado de novo a solicitude de comparecencia do presidente da Xunta presentada polos socialistas galegos, desta volta para dar conta das operacións bancarias realizadas por NGB enviadas á fiscalía por parte do FROB.

Operación Zeta e trama agraria

O portavoz do Grupo Socialista advertiu hoxe da gravidade que supón que o presidente da Xunta cuestionara a pasada semana a instrución xudicial da Operación Zeta sinalando unha suposta manipulación do sumario da mesma. Criticou que mentres tenta de verter dúbidas sobre a actuación da xustiza, o goberno galego “continúa sen ofrecer unha resposta intelixible nin coherente” sobre as conclusións desta investigación.

Lembrou que o presidente da Xunta “a día de hoxe continúa sen desmentir, contestar nin explicar” a información coñecida sobre o “presunto financiamento ilegal do PP”, así como da “existencia dun intermediario ou conseguidor que mesmo actuou trasladando informacións confidenciais que poderían prexudicar a instrución xudicial”.

Criticou que esta actitude do presidente da Xunta coincida co veto, de novo na Xunta de Portavoces, á solicitude de comparecencia do vicepresidente da Xunta, presentada polos socialistas galegos, para dar conta do arquivo definitivo da denuncia contra o sindicato Unións Agrarias e o seu suposto financiamento irregular.

Méndez Romeu lembrou que a causa iniciada polo conselleiro Alfonso Rueda, a instancias do secretario xeral do PP, Alfonso Rueda, foi “fortísimamente publicitada e derivada da nada mais absoluta”. Sinalou que o goberno galego “debe explicar por qué iniciou unha persecución” contra este sindicato “sen ter a menor base”.

Iniciativas

O próximo Pleno do Parlamento incluirá tamén unha moción sobre a política de xubilacións forzosas do Sergas, que provocou a perda de 4.000 prazas de persoal facultativo dende a chegada de Feijóo. Esta situación, unida á situación laboral do persoal, contratados por días e mesmo por horas, supón a constante perda de calidade do servizo.

Tamén en materia de Sanidade, o Pleno da próxima semana incluirá unha pregunta dos socialistas sobre o incumprimento do acordo parlamentario para prestar o novo tratamento contra a hepatite C.

Así mesmo, será debatida unha proposición non de Lei sobre a reforma da Lei de Seguridade Cidadá, dirixida a “crear problemas a través dunha política represiva” mentres “restrinxe os dereitos de manifestación e libre expresión sen resolver ningún problema de convivencia”. Os socialistas presentarán unha interpelación sobre a modificación da estrutura das carreiras universitarias, impoñendo 3 anos de grao e dous de máster.

Finalmente, será debatida unha proposición non de Lei sobre o anuncio de sanción por parte da UE contra o goberno por delito medioambiental derivado da falla no control de vertidos na Ría de Pontevedra.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar