Feijóo fúrtalle o futuro á xeración mellor formada de Galicia

Feijóo fúrtalle o futuro á xeración mellor formada de Galicia

Vicente DocasarO portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, acusou hoxe ao PP de “furtarlle o futuro á xeración de mozos e mozas mellor formada da historia de Galicia”. Así o dixo logo de coñecer o veto do PP a unha proposición non de Lei presentada polo deputado socialista en Comisión para coordinar os recursos da Formación Profesional do sistema educativo coa Consellería de Traballo para facilitar a busca de emprego para a xuventude.

Docasar advertiu que “o problema do paro xuvenil”, cunha taxa de perto do 50 por cento en Galicia, resulta “insoportable” e esixe unha “grande determinación e vontade política” das que “o goberno galego e o PP están demostrando carecer”. Advertiu que o desleixo do goberno galego deixa “sen expectativas” aos mozos e mozas que “só poden agardar a rematar a súa formación para pasar a encher as cifras do desemprego”.

O responsable socialista propuxo aproveitar “a enorme experiencia actualmente desaproveitada” en perto de 200 centros educativos que imparten Formación Profesional en Galicia. e reclamou “poñer todos os recursos humanos e materiais cos que conta o goberno galego a disposición da mellora da inserción laboral da nosa xente moza”.

Considera “imperdoable” o veto do PP a “poñer ao servizo desta causa tódolos recursos humanos cos que contan as administracións públicas para intentar mellorar esta insoportable lacra social”.

Lembrou Docasar aos equipos directivos, titores de prácticas en empresas, responsables de Formación en Centros de Traballo ou departamentos de orientación cunha experiencia de anos colaborando co sector empresarial para a inserción laboral de estudantes e que está a ser desaproveitada e ignorada polo goberno galego.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar