Feijóo evita negar no Parlamento se o 'conseguidor' da Zeta é amigo seu e durmía en Monte Pío

Feijóo evita negar no Parlamento se o 'conseguidor' da Zeta é amigo seu e durmía en Monte Pío

Feijóo evita negar no Parlamento se o 'conseguidor' da Zeta é amigo seu e durmía en Monte Pío

“Négase sistematicamente a render contas na Cámara ou a aportar documentación do que está publicado”, asegura José Luis Méndez Romeu, que lle preguntou de forma directa se Pachi Lucas “era intermediario ou actuaba no seu nome”

“Vostedes sumáronse a unha primeira denuncia, o presidente da Xunta minte a todos os galegos cando di que a investigación partiu do Goberno”, afirmou o portavoz dos socialistas galegos

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, rexeitou aclarar hoxe no pleno do Parlamento se o conseguidor da operación Zeta, Pachi Lucas, pertencía ao seu círculo de amigos ou incluso chegou a durmir algunha vez na residencia oficial de Monte Pío. Ademais, Méndez Romeu preguntoulle directamente se Pachi Lucas era intermediario ou actuaba no seu nome.

Nunha pregunta oral, Méndez Romeu, lembroulle a Feijóo que onte “vostede vetouse a si mesmo, leva seis anos negándose a comparecer, a que se coñeza documentalmente se é verdade o que publican os medios de comunicación, negase sistematicamente”.

O socialista preguntoulle se era certo que “o abreportas da trama, Pachi Lucas, era amigo seu, exercía de intermediario entre defraudadores e actuaba no seu nome”, como así apunta o sumario xudicial. “Vostede permite e tolera que se fale destas cousas, porque non quere aportar a documentación que permita comprobar que non é certo”, afirmou o socialista.

“As investigacións e determinadas declaracións sosteñen que había un comisionista a 3.000 euros ao mes que durmía na residencia oficial do presidente da Xunta”, apuntou o portavoz do PSdeG, que esixiu de novo a Núñez Feijóo información “das tramas de intereses vinculadas ao PP e dos informes que falan dun financiamento irregular do Partido Popular de Galicia”.

“Vostedes sumáronse a unha primeira denuncia, o presidente da Xunta minte a todos os galegos cando di que a investigación da Operación Zeta partiu do Goberno, sabe que non é certo, os cidadáns merecen máis explicacións”, afirmou o representante dos socialistas galegos.

Por último, José Luis Méndez Romeu engadiu que o presidente da Xunta “minte” en sede parlamentaria tamén “cando da información sobre as accións de formación levadas a cabo polo Goberno da Xunta anterior, que por certo están auditadas todas, vostede manipula os datos e o sabe”, afirmou.

Interpelación

Por outra parte, a deputada socialista Marisol Soneira dixo hoxe que as explicacións da Xunta á súa presunta implicación nas tramas corruptas de financiamento do PP “insultan á intelixencia”. A responsable socialista interpelou hoxe ao goberno galego diante da negativa de Feijóo a dar explicacións no Parlamento pola implicación do seu partido en tódolos escándalos recentes de corrupción.

A responsable socialista sinalou que a implicación do PP galego é a constante que enlaza os casos Gürtel, Bárcenas, Operación Púnica, Operación Zeta, financiamento ou sobresoldos ilegais, sen que a día de hoxe teñan comparecido para dar conta dunha “auténtica marea corrupta que taladra ao PP en tódalas súas estruturas”.

Soneira advertiu fronte á corrupción estrutural do PP, que segundo tódalas investigacións obtén parte do seu financiamento a costa de “mordidas” na concesión irregular de contratos públicos. Reclamoulle ademais ao conselleiro e secretario xeral do PP galego, Alfonso Rueda, que explique si aclarou o pago da sede do PP de Pontevedra con diñeiro negro investigado pola UDEF ou o financiamento da sede de Santiago.

A deputada socialista reclamoulle ao presidente da Xunta que dea conta ademais das súas “amizades perigosas”, logo de lembrar a súa relación con Pachi Lucas, presunto “conseguidor” da trama investigada pola Operación Zeta para captar fondos irregulares e “provedor na campaña electoral do PP de 2009 e de varios concellos gobernados por este partido”.

Este persoeiro, en nómina do principal imputado por dita investigación, “pernoctaba con frecuencia en Monte Pío” e contou co “privilexio” de que o presidente da Xunta o alertara das escoitas telefónicas da policía.

Lembrou que o propio presidente da Xunta rexeitou explicar ata onde chegaba a súa relación persoal con este empresario, pola que simplemente ofreceu “escusas”. Lamentou a dobre vara de medir cando o actual presidente da Xunta reclamaba a dimisión de Anxo Quintana cando fora navegar en compañía dun coñecido empresario que non tiña conflitos coa xustiza.

Investigacións

Soneira denunciou o “clamoroso silencio” do goberno galego diante da Operación Zeta, que está a revelar “todo un entramado de relacións de militantes do PP que obteñen fondos públicos para cursos de formación de parados, que non se celebran e que incluso serven para financiar ao PP”.

A deputada socialista lembrou que o propio Rueda, como secretario xeral, alertaba dunha suposta trama de financiamento irregular do PSdeG a través dun sindicato agrario, para ao día despois ordenar como conselleiro unha investigación sustentada na “alarma social” xerada por el mesmo como secretario do PP.

Sinalou que daquela mantiveron a toda unha organización coas axudas públicas conxeladas ata que non se demostrou a súa inocencia, mentres no caso da Operación Púnica seguiron concedéndolle axudas malia saber da existencia da investigación.

O mesmo silencio, dixo, ofreceron con relación á Operación Púnica que investiga o cobro de comisións pola adxudicación de obras e servizos públicos. Advertiu a falla de explicacións do goberno galego cando unha das empresas implicadas, Cofely, foi adxudicataria de obras e servizos da Xunta por contías millonarias, como o financiamento de 15 centros de saúde, a ampliación do Hospital do Salnés ou Sogama, entre outros.

Lembrou ademais a presenza do PP galego na trama Gürtel, na que o ex secretario de Organización deste partido, Pablo Crespo, advertía da existencia dunha caixa B que contaba con ata dous millóns de euros en anos electorais, que pagara sobresoldos a cargos do PP galego e que lle entregara dita contabilidade a Fraga e Cuíña.

Tamén aparece este partido, engadiu, no Caso Bárcenas, cando a contabilidade do xerente do PP a nivel nacional aparecen donacións do PP de Galicia por importe de 2,6 millóns de euros cando declararon tan só 208.300.

(Fotografía que acompaña a noticia na web de PSdeG: Óscar Corral)

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar