Feijóo elude o informe medioambiental sobre Ence para facilitar a prórroga

Feijóo elude o informe medioambiental sobre Ence para facilitar a prórroga

Ence PontevedraA portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “permitir, tolerar e aceptar” a prórroga a Ence durante 60 anos mais “por só 61 millóns de euros”. No debate dunha proposición non de Lei dos socialistas na Comisión de Medio Ambiente, Vilán acusou ao presidente da Xunta de eludir o informe medioambiental “para permitir a prórroga da factoría”.

A responsable socialista lembra que o dito informe do goberno galego é determinante “mais non preceptivo”, polo que a Xunta limitouse a presentar un informe técnico favorable á permanencia da factoría pero evitou deliberadamente facer valoracións medioambientais contrarias á instalación. A proposta socialista reclamaba un novo informe de impacto ambiental sobre a prórroga e “que sexa vinculante” e reprobar a “pasividade e complicidade” da Xunta.

Vilán acusou ao presidente da Xunta de “mentirnos a todos e todas” cando se presentou como candidato en 2009 e 2012 incluíndo nos seus programas electorais o remate da concesión en 2018. Ademais, “mentiu ao Parlamento” ao votar a favor na pasada lexislatura dunha proposta socialista para conversar con Ence para concretar o traslado da factoría fora da Ría.

Ademais, engade, “agochouse do Parlamento” cando a secretaría xeral de Calidade Ambiental do goberno galego facía o informe técnico sobre Ence, e “enganou ao Parlamento” cando no pasado 23 de decembro aprobaba unha Lei para limitar as xestións dun goberno en funcións para agora aceptar que Rajoy aprobe a prórroga como presidente saínte.

A deputada socialista lembra o “rexeito veciñal” contra unha fábrica que leva contaminando a Ría dende 1959 e que grazas ao PP continuará outros 60 anos mais, en contra dos acordos unánimes do Parlamento e da resposta cidadá, que a semana pasada xuntaba a 20.000 persoas para protestar nas rúas de Pontevedra.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar