Feijóo elude de novo a súa comparecencia porque "ten noxo do Parlamento"

Feijóo elude de novo a súa comparecencia porque "ten noxo do Parlamento"

Feijóo elude de novo a súa comparecencia porque "ten noxo do Parlamento"

Méndez Romeu lamenta que o presidente da Xunta renuncie a dar conta da súa aportación ás 255 medidas presentadas polo goberno para liquidar o Estado do Benestar.

O PP veta, na xuntanza da Deputación Permanente a petición dos socialistas galegos, a convocatoria dun Pleno Extraordinario para que compareza Feijóo e os socialistas galegos votan contra o teito de gasto da Xunta por subordinar o financiamento aos intereses electorais do PP

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, dixo hoxe que o presidente da Xunta quere evitar a toda costa as comparecencias na Cámara autonómica porque “ten noxo do Parlamento”. Así o dixo logo de que o PP vetara, na Deputación Permanente celebrada hoxe a petición do PSdeG, a convocatoria dun Pleno Extraordinario coa comparecencia de Feijóo, a “enésima proposta rexeitada polo PP”.

Censurou que o presidente da Xunta queira agochar a súa aportación ao documento de 255 propostas presentadas polo Ministerio de Facenda para “liquidar o Estado do Benestar”. Criticou que o goberno teña presentado este documento con propostas das comunidades autónomas e dirixido a reducir a sanidade, o ensino e os servizos sociais “en favor dun Estado mínimo” sen explicar quen fixo as aportacións.

Méndez Romeu esixiulle a Feijóo que “conte algo sobre que parte do documento foi aportada e elaborada pola Xunta e, sobre todo, cal é a súa posición diante destas iniciativas”, moitas delas dirixidas especificamente a reducir os servizos públicos de Galicia. Criticou que “non vai comparecer como non comparece nunca dende hai cinco anos, nin sequera para dar conta de asuntos institucionais”.

O presidente da Xunta, engadiu, “ten dado probas de abondo de desinterese” e “fuxe do debate”, e engadiu que “rexeita e mesmo promove iniciativas que rachan unilateralmente cos poucos consensos existentes” como coa redución do número de deputados.

Considerou fundamental coñecer a súa posición diante destas medidas que “inciden na política ideolóxica do goberno” cando xa a OCDE advirte de que España é o país da UE no que mais aumenta a desigualdade. Criticou que “de ser un país razoablemente igualitario na distribución da riqueza temos pasado a un país extraordinariamente desigual”.

Sociedade dualizada

Méndez Romeu advertiu que as propostas presentadas polo Ministerio de Facenda deixan “meridianamente claro” o modelo social do PP, que “en lugar de retomar a senda do crecemento do benestar optan por avanzar cara unha sociedade dualizada”. Explicou que por iso a inmensa maioría dos contratos fanse en precario, con traballos temporais e os servizos públicos son recortados “mentres unha minoría disfruta de tódalas vantaxes”.

O goberno utiliza un “falso discurso que fala de duplicidades ou de falla de coordinación” para atender aos intereses dun segmento radicalizado de electores que defenden o aluguer de instalacións sanitarias ou a imposición de taxas hoteleiras aos doentes ingresados situando o seu punto de mira na privatización da sanidade pública.

Denunciou que a igualdade “parece ser un mal exemplo para os intereses do PP, que promove a privatización aberta do sistema e abrir mercado” a pesares do custe asumible e relativamente baixo da sanidade pública, que supón un 7 por cento do PIB a cambio dunha mellora notable das condicións de vida e saúde da poboación”.

Tampouco esquecen, engadiu, a redución das axudas aos libros de texto, comedores escolares ou escolas infantís, reeditando a “vella obsesión da dereita española co ensino”, ou insisten na desaparición dos partidos xudiciais.

Teito de gasto

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou hoxe ao PP de subordinar as necesidades de financiamento de Galicia aos seus intereses electorais. Así o dixo no debate do teito de gasto para Galicia que foi aprobado hoxe co voto en contra dos socialistas galegos.

O responsable socialista esixiulle hoxe ao goberno galego que realice unha proposta de orzamento “a partir das necesidades sociais e non das necesidades electorais” como primeiro paso para acadar un acordo coa oposición. Invitou á conselleira de Facenda e ao presidente da Xunta a facer unha proposta “consonte ás necesidades do país e dos colectivos que soportan a crise”.

Salientou que o modelo económico do PP garante “importantes beneficios” para a banca mentres os salarios “caen dramaticamente”. así o demostra que teñan presentado o teito de gasto “tres días despois de que o goberno iniciara por decreto e sen consulta unha reforma fiscal moi beneficiosa para as rendas altas, simbólica para as rendas medias e indiferente para as rendas baixas”.

Os traballadores son, explicou, os que teñen pagado a meirande parte do prezo da recuperación da economía ao transferirlle 40.000 millóns de euros ao refinanciamento do sector financeiro. Mentres, e por primeira vez na historia recente, as rendas salariais pasan do 50 ao 46 por cento do PIB mentes a meirande parte corresponde ás rendas de capital e aos beneficios empresariais.

Insolvencia

Méndez Romeu puxo en cuestión a capacidade de Feijóo para xestionar as contas dunha Comunidade Autónoma á que lle ten reducido un 8 por cento o gasto social ao tempo que multiplicaba o gasto financeiro por 4,6. Cada ano dende a súa chegada ao goberno, dixo, reduciron 1.300 millóns de euros correspondentes ao gasto social mentres medra o gasto financeiro en 1.600 millóns e a taxa de pobreza aumenta ata o 20 por cento.

Criticou que Feijóo teña empregado 400 millóns de euros de endebedamento para reducir 160 de déficit, ata o punto de que en 2015 a débeda de Galicia superará os 10.000 millóns de euros, un 250 por cento mais que en 2009, cando Feijóo tomou posesión, aos que compre engadir 3.000 millóns de euros mais correspondentes ás concesións público – privadas impulsadas pola Xunta.

Paro

O responsable socialista aludiu tamén na súa intervención ao paro rexistrado coñecido hoxe, e advertiu que, fronte ao “optimismo esaxerado” do goberno galego, o dato agocha a realidade da “escandalosa taxa de temporalidade” que acada un 93 por cento dos novos contratos. Isto significa, explicou, que “hai moitas persoas encadeando un contrato temporal tras outro mal pagado, con baixa cualificación e en moitos casos a tempo parcial”.

Ademais, dixo que a nota oficial do Ministerio de Traballo revela tamén que o paro rexistrado desestacionalizado “medrou en xullo”, o que cualificou de “moi preocupante”. Sinalou tamén que o 40 por cento das persoas en paro non reciben prestación, e o goberno “lonxe de preocuparse por mellorar a súa situación mándalles unha nota para que non practiquen a mendicidade”.

Dixo que a austeridade exercida por Feijóo e polo P “deixa vítimas colaterais, que como sucede en Palestina son inocentes pero convenientes porque axudan a ratificar a mensaxe implícita do goberno: que nada volverá a ser como foi no pasado”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar