Feijóo e Rajoy, no medio dunha nube de incomprensión e totalmente fora da realidade

Feijóo e Rajoy, no medio dunha nube de incomprensión e totalmente fora da realidade

Feijóo e Rajoy, no medio dunha nube de incomprensión e totalmente fora da realidade

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, dixo hoxe que tanto Rajoy como Feijóo están a evidenciar que se manteñen “nunha nube de incomprensión, fóra da realidade”. Así o evidencia a súa resposta diante da actuación coñecida do ministro de Interior supostamente ao utilizar os mecanismos do Estado para atacar deliberadamente a outros partidos políticos.

Sinalou que nin o presidente da Xunta nin o presidente do goberno parecen “darse conta do que representan estes comportamentos para a credibilidade dun partido de goberno nun Estado Democrático e de Dereito”. Fixo estas declaracións aos medios de comunicación antes de participar no acto de conmemoración do 25 aniversario da Fundación 10 de Marzo, do sindicato Comisións Obreiras, hoxe en Santiago.

O responsable socialista aludiu á “sensación estraña” que destila a resposta do PP precisamente na recta final da campaña e “coa que está caendo” logo de que toda España coñecera unhas conversas altamente reveladoras da actuación do actual ministro do Interior.

“Felizmente –continuou- apenas quedan 3 días para o remate da campaña electoral, e a partir do domingo os responsables do PP espertarán e verán crúa realidade de que van deixar de ser o partido que goberna España porque os cidadáns os van poñer no seu sitio”.

Proxecto socialista

Fernández Leiceaga pediu o apoio cidadán para contribuír dende Galicia ao proxecto socialista encabezado por Pedro Sánchez “porque é o único garante do cambio” e que ademais deu sobradas mostras da súa capacidade de “integrar a sectores moi amplos da sociedade”. Dixo que os demócratas e o electorado socialista “teñen a súa referencia no PSOE, unha referencia de cambio posible e viable”.

En resposta a preguntas dos xornalistas criticou a negativa do líder de Unidos Podemos a un goberno presidido por Pedro Sánchez porque “sacrifica todo”, incluíndo un “goberno posible” no pasado mes de marzo diante do “gran obxectivo de ser el quen detente o poder”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar