Losada: "Feijóo e a Xunta veñen de demostrarse absolutamente prescindibles para Galicia"

Losada: "Feijóo e a Xunta veñen de demostrarse absolutamente prescindibles para Galicia"

Losada: "Feijóo e a Xunta veñen de demostrarse absolutamente prescindibles para Galicia"

O portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Abel Losada, dixo que o presidente da Xunta e o seu Goberno veñen de demostrarse hoxe “absolutamente prescindibles para Galicia”. Así o dixo logo de coñecer a solicitude de comparecencia dos conselleiros Currás, Guerra e Hernández por cuestións alleas ás competencias propias da Xunta de Galicia.

Losada dixo que as comparecencias son por este motivo unha “manobra de distracción sobre o abandono das funcións do Goberno de Galicia que afectan ás súas competencias e responsabilidades propias”. Dixo que “mentres, o Goberno galego permanece absolutamente desaparecido á hora de plantexar políticas de dinamización económica que permitan ou axuden a Galicia a saír da crise”.

Acusou a Feijóo de utilizar o Parlamento de Galicia de forma “espúrea” co obxectivo de “atacar ao goberno de España e reforzar a posición política do PP diante das futuras eleccións xerais”. Sinalou que o goberno galego “tense convertido nunha empresa de márketing ao servizo da rúa de Génova, mentres os problemas da súa competencia que afectan aos galegos e galegas non ocupan un minuto do seu tempo”.

Sinalou que con estas solicitudes de comparecencia “o único que fan os conselleiros do Goberno é roldas de prensa en sede parlamentaria”. Engadiu que “si de verdade queren a colaboración de tódolos grupos para buscar posicións comúns que defendan os intereses dos galegos e de Galicia é imprescindible que abran un proceso de aportación e discusión de propostas de resolución por parte dos grupos da oposición”.

Financiamento autonómico e infraestruturas

No relativo ao financiamento autonómico, Losada acusou á Xunta de “continuar intentando enganar aos cidadáns desta Comunidade Autónoma”. Dixo que logo de “sacar da manga unha pretendida débeda de 800 millóns de euros que foron incapaces de documentar e explicar a este grupo parlamentario agora reducen a súa demanda a exclusivamente 243 millóns de euros”.

O responsable socialista preguntou “qué pasa coa diferenza sobre a súa demanda orixinal” xa que “ou o certo é que o goberno central non os debe, e entón a Xunta mentiu, ou si de verdade os deben e o goberno galego non os reclama están a facer desleixo das súas responsabilidades”.

Sobre a comparecencia do conselleiro de Infraestruturas, explicou que o Pacto do Obradoiro “é un inequívoco compromiso do goberno de España con Galicia, que leva investido nesta autonomía en obras da súa competencia como nunca antes na súa historia”. Advertiu que “mentres, as obras competencia da Xunta permanecen ou ben adiadas ou ben paralizadas, cun nivel de execución vergoñento”.

Losada dixo que “o Pacto do Obradoiro está a ser claramente utilizado por parte de Mati Corp. para tapar as súas vergoñas, e cando menos a súa ineficacia, e nalgún caso mesmo as novas licitacións por importes moito mais elevados que os previstos” xerando “unha lexítima desconfianza” por parte dos galegos e das galegas.

Sector naval

Finalmente, lamentou que a consellería de Economía e Industria teña solicitado a súa comparecencia “para atacar ao goberno central en lugar de colaborar lealmente na busca de solucións para o sector naval”. Dixo que “o que fai non é outra cousa que poñer pedras no camiño” falando de “axudas públicas” cando ese termo “non se debe empregar e ademais é falso, xa que se trata de desgravacións fiscais”.

Lembra que o conselleiro Guerra “tennos afeitos a que calquera cuestión lle vale para facer oposición ao goberno de España, xa sexan as axudas aos automóbiles, as enerxías renovables ou calquera outro tema da axenda política”.

Mentres tanto, dixo, “as súas ferramentas de política económica permanecen ou literalmente paralizadas –como o I+D- ou ben baixo sospeita, como é o caso da dirección do Igape”. Puntualizou que “para axudar a solucionar os problemas da economía galega, o señor Guerra faría ben en deixar de mirar ao goberno de España e mirar para adiante e conducir a súa propia Consellería que está ao borde do precipidio”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar