Feijóo debe depurar responsabilidades políticas pola xestión dos incendios

Feijóo debe depurar responsabilidades políticas pola xestión dos incendios

Feijóo debe depurar responsabilidades políticas pola xestión dos incendios

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que asuma “responsabilidades políticas” logo da xestión dos incendios do pasado 15 de outubro. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces do Parlamento celebrada hoxe para fixar a orde do día do Pleno da próxima semana que comezará coa comparecencia de Feijóo sobre os lumes.

O portavoz socialista apuntou ademais á comparecencia “tardía” de Feijóo logo de que o PP vetara a convocatoria dun Pleno Extraordinario a semana pasada. Adiantou que os socialistas galegos “esixirémoslle responsabilidades políticas” ao presidente da Xunta e ao seu goberno logo de artellar un “discurso insostible” centrado “sempre nos outros”.

Acusou a Feijóo de sinalar ao “terrorismo incendiario” cando ata o momento non hai “ningún caso demostrado” que apunte a unha organización dirixida a provocar lumes, e que evidencia que “utiliza unha cortina de fume con palabras grosas para agochar a responsabilidade da Xunta”.

Advertiu da intención do presidente da Xunta de apuntar contra “uns supostos terroristas, a climatoloxía, os lumes que envía Portugal a cruzar o Miño” para “deixar ver que estamos nas mans da climatoloxía en lugar de nas mans da Xunta e do seu presidente”. Por iso, dixo, é o momento de “esixir as responsabilidades oportunas e cambios na política de prevención dos lumes” desenvolta polo goberno galego.

Comisión sobre incendios

Explicou así a urxencia de convocar unha Comisión que analice as políticas do goberno galego na xestión dos incendios forestais e que determine os problemas demostrados nos operativos que traballaron na fin de semana do 15 de outubro, as eivas e a descoordinación nos servizos de emerxencias ou os fallos nos protocolos de actuación.

Lamentou o veto do PP á proposta presentada conxuntamente polo PSdeG e o Grupo En Marea para que a Xunta de Portavoces celebrada hoxe acordara constituír de forma inmediata unha Comisión de Estudo sobre os incendios forestais. O responsable socialista anunciou a presentación dunha nova proposta que será debatida nun Pleno posterior.

Fernández Leiceaga defendeu a oportunidade de constituír este órgano para analizar a xestión da vaga de lumes do 15 de outubro e que recolla aportacións e suxestións de cambios nas políticas públicas para evitar que se repita aquela situación. O responsable socialista puxo o foco sobre a xestión da prevención, a coordinación dos servizos de emerxencias e as tarefas de extinción, tal e como fixo Portugal.

Orde do día

O Pleno da próxima semana centrarase case exclusivamente na xestión da vaga de lumes que se cobrou a vida de catro persoas hai dúas semanas, con dúas proposicións non de Lei sobre a activación do plan territorial de continxencias por contaminación mariña por cinzas e o deseño dun plan urxente de rexeneración ambiental da zonas protexidas afectadas polos lumes.

Tamén presentarán unha moción sobre o retraso na presentación do novo Plan Forestal de Galicia, unha interpelación sobre a política do goberno galego en relación coa prevención de incendios forestais, e unha pregunta oral sobre o tratamento dado ás vítimas da vaga de incendios e ás súas familias, que inclúen “condicións innecesarias”.

Ademais, o portavoz do Grupo Socialista presentará unha pregunta ao presidente da Xunta sobre as políticas en materia de emprego, que provocan que o emprego medre en Galicia á metade que no resto do Estado.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar