Feijóo quere reducir deputados só para facer un gran pucheirazo electoral

Feijóo quere reducir deputados só para facer un gran pucheirazo electoral

Feijóo quere reducir deputados só para facer un gran pucheirazo electoral

A coordinadora da Área Institucional do PSdeG-PSOE, Laura Seara, acusou hoxe a Feijóo de demostrar “un interese clarísimo en eliminar deputados só para facer un gran pucheirazo electoral” e “intentar gañar dende os despachos unhas eleccións que hoxe ten perdidas”. Así o dixo logo da resposta do PP á proposta de Pachi Vázquez de reducir custes mantendo o número de deputados.

 

En opinión de Seara, o PP “quitou a careta” ao rexeitar a proposta socialistas para aforrar nos salarios dos parlamentarios pero sen reducir o seu número e “sen que vaia en detrimento da soberanía, a identidade, o Estatuto de Autonomía e os intereses de Galicia”. Dixo que si o propio Feijóo rexeita estas medidas “demostra que isto non vai de austeridade nin de aforrar: vai de gañar as eleccións facendo trampas”.

 

Engadiu que a proposta de Feijóo de cambiar a Lei unilateralmente para reducir o número de deputados é “populista” e “hipócrita, cargada de electoralismo e unicamente pensada para perpetuarse no poder”. Lamentou que o presidente da Xunta “cada vez se parece mais a Hugo Chávez ou a Berlusconi que a un presidente democrático moderno e europeo que afronta a crise con seriedade”.

 

Advertiu que a medida está “promovida e deseñada dende a cabeza de Feijóo” para “reducir 14 deputados que lle sobran porque non lle dan as contas para gañar as eleccións”, mentres a secretaria xeral do PP, Dolores de Cospedal, toma a medida contraria en Castela A Mancha incrementando o número de deputados.

 

Dous parlamentos

 

Instou así ao presidente da Xunta a “que se posicione” sobre a proposta de Pachi Vázquez de reducir os salarios dos deputados, equiparalos ademais cos dos membros da Mesa e reducir á metade os asesores do goberno galego, co que sería posible aforrar 6,4 millóns de euros cada ano, 6 veces mais que coa proposta de Feijóo. Explicou que “co que custan tódolos asesores de Feijóo daría para encher dos parlamentos de Galicia enteiros”.

 

Apostou así por “reducir salarios e prerrogativas dos deputados e o número de asesores nomeados polo dedo de Feijóo” e engadiu que “entre a vontade popular que elixiu a 75 deputados e o dedo do señor Feijóo permítanme que me quede coa vontade popular”.

 

Respondeu tamén ao suposto “clamor popular” que argumentou onte o PP para reducir o número de deputados sinalando que o PP está “duro de ouvido” porque “o clamor das rúas é contra as medidas de recorte social que están implementando os gobernos de España e de Feijóo”.

 

Plataforma

 

A responsable socialista fixo estas declaracións no acto de constitución da Plataforma en Defensa dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos, que tivo lugar hoxe en Santiago, e que, segundo explicou, consiste nunha agrupación “plural, de partidos políticos e organizacións sanitarias, sociais, feministas ou veciñais” para “dicirlle alto e claro ao goberno que cando se fala de dereitos sociais non se deixen levar pola ultradereita minoritaria”.

 

Seara reclamou manter as conquistas sociais acadadas durante a historia da democracia, nas que se acadou “mais seguridade xurídica para os profesionais da sanidade e das mulleres, equidade territorial e unha lei de prazos para a interrupción do embarazo sensata, como nos países do noso entorno”.

 

Sinalou que “cada vez que o PP da un paso á fronte utiliza a escusa do aforro para minorar algún dereito acadado nos últimos anos”, e nomeou tanto o abordo, a dependencia e a igualdade como “dereitos sagrados, como a educación e a sanidade públicas, universais e gratuítas, ou o sistema de pensións”.

 

Lembrou que as medidas “dolorosas” tomadas polo goberno do PSOE por causa da crise “non tocaron a sanidade nin a educación”, pero advertiu que “para eles –o PP- non hai nada sagrado, o fan é implantar un modelo de españois e galegos de primeira e de segunda”.

 

Acusou ao PP de ter situado ao país nunha “situación límite”, provocando “moitísima incertidume”, iniciando o debate da situación da sanidade ou a educación públicas mentres “evitan entrar sobre outras posibilidades de aforro, como gravar impostos ás grandes fortunas”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar