Feijóo deixa unha Galicia con menos galegos e galegas e con máis paro, máis empobrecida, desigual e endebedada

Feijóo deixa unha Galicia con menos galegos e galegas e con máis paro, máis empobrecida, desigual e endebedada

Feijóo deixa unha Galicia con menos galegos e galegas e con máis paro, máis empobrecida, desigual e endebedada

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “deixar unha Galicia con menos galegos e galegas, con máis paro, máis empobrecida, máis desigual e máis endebedada”. Así o dixo no debate do Estado da Autonomía, que rematou hoxe no Parlamento de Galicia na que o rolo do PP vetou 36 das 40 propostas de Resolución socialistas.

A deputada socialista chamou a establecer como “gran prioridade” a “recuperación de dereitos, a derrota da desigualdade e a construción dun novo modelo de crecemento económico”. Chamou á construción dunha sociedade “máis xusta, inclusiva e igualitaria” e un país “máis libre, máis próspero e máis forte” e augurou que “o cambio está en camiño”.

Gallego realizou un balance “demoledor” da xestión de Feijóo, cun “resultado catastrófico que custará moito superar, cunha sociedade con menos dereitos”. Acusouno de substituír precisamente estes dereitos por “caridade, beneficencia e unha choiva de medidas cheques, axudas e bonos”.

Criticou que sexa o “único presidente dunha nacionalidade histórica sen proxecto político para o país”, que “renunciou a exercer o autogoberno e reclamar respecto polas nosas competencias”. Demandou “máis e mellor autonomía, un novo modelo de financiamento autonómico”, con cambios na política fiscal e afondando na autonomía tributaria de Galicia” para acadar un aumento de ingresos que permitan loitar contra a desigualdade.

Propostas

Gallego comezou cunha batería de medidas para impulsar a creación de emprego, incrementando o orzamento e priorizando a atención a parados de longa duración a través de plans territoriais de emprego e dun novo salario de reinserción. O segundo eixo desta proposta é o impulso do emprego xuvenil de calidade a través dun Plan de Choque específico e da creación dun Observatorio de Xóvenes e Emigración que analice os fluxos migratorios.

A deputada socialista reclamou ademais “garantir a universalidade da atención sanitaria”, recuperando o nivel de orzamento da chegada de Feijóo ao goberno. Neste sentido, reclamou a paralización inmediata de tódalas privatizacións previstas e a reversión das xa realizadas, incluíndo a privatización do Hospital privado de Vigo, deseñado por Feijóo “para facer máis ricos aos seus amigos, e aínda por riba con deficiencias visibles”.

Gallego reclamou tamén a recuperación das condicións laborais e materiais do ensino público, “a base sobre a que debe descansar o crecemento da Galicia do futuro”, derrogando a Lomce e “volvendo a un sistema educativo inclusivo”. A deputada socialista sinalou ademais o plan urxente para reducir as listas de espera da Dependencia ou a ampliación das prestacións de inclusión –Risga- a tódalas persoas sen ingresos.

Criticou a ausencia da política de igualdade por parte dun goberno que “incumpre a paridade” con tan só catro mulleres dun executivo de 11 persoas, mentres estrangula o orzamento da Secretaría Xeral de Igualdade.

O mesmo goberno, engadiu, que se nega a recoñecer como vítimas de violencia machista ás mulleres ás que os compañeiros lles asasinaron aos fillos, e negouse a apoiar a “milleiros de mozas que perderon o dereito a decidir por unha reforma inxusta e cruel da Lei de interrupción voluntaria do embarazo” e que deixou sen desenvolver a Lei que recoñece os dereitos das persoas LGTBI.

Sectores produtivos

Carmen Gallego criticou a “inacción, discrecionalidade e improvisación” do goberno galego cara aos sectores produtivos, polo que propuxo a recuperación do Igape como un dos principais instrumentos de impulso económico e recuperar o nivel de execución e o papel dinamizador da obra pública. Propuxo recuperar de forma inmediata o gasto en I+D e destinar o 1,5 por cento do PIB ao financiamento das universidades galegas

Neste sentido, lembrou a intensidade das reclamacións do goberno galego para executar o AVE, que hoxe quedou paralizado por Rajoy diante do silencio cómplice de Feijóo e instou ao goberno galego a “aproveitar os recursos económicos” postos enriba da mesa pola UE a través do Plan Juncker, dos que Galicia podería aspirar a 1.500 millóns de euros.

A deputada socialista criticou a inacción do goberno galego para impulsar os sectores produtivos primarios, esquecendo a aplicación do paquete lácteo e despreocupándose da situación do sector gandeiro “ata que chegaron as tractoradas”.

Instounos a “defender a nosa pesca, sobre todo na baixura e no marisqueo” poñendo en valor os produtos da pesca mentres Feijóo “só pode presentar como balance menos persoas traballando, menos barcos faenando, menos caladoiros nos que pescar e nin un só metro cadrado de instalacións acuícolas”.

Texto das propostas de Resolución aprobadas hoxe:

Proposta de Resolución nº 18:

-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a facer unha política turística que incida en que as estancias medias dos turistas que visitan Galicia sexan mais largas, facendo unha promoción adecuada e realizando campañas máis ambiciosas, promocionando o turismo de cruceiros que se está incrementando moito nos portos de Vigo e Coruña. Para elo é moi importante contar cunha imaxe propia de “marca” onde se promocione todo o conxunto de Galicia. Todo isto coa participación das entidades locais e coas empresas do sector afectado ao respecto”.

Proposta de Resolución nº 27:

-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a deseñar políticas comerciais nos principais portos galegos orientadas á captación de clientes, co obxectivo de dominar o percorrido da mercancía, en colaboración coas principais empresas e cos operadores loxísticos internacionais; favorecer os investimentos necesarios para integrar redes de intermodalidade que permitan ofrecer servizos máis completos, fomentando acordos entre as empresas asentadas dentro dos portos e os operadores loxísticos internacionais e facilitar a xestión e intermodalidade para as cargas contenerizadas, mellorando as infraestruturas físicas e de comunicacións que permitan a óptima xestión de cargas en tempo real”.

Proposta de Resolución nº 34:

-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que, con carácter de urxencia, demande do Goberno central medidas e recursos humanos e materiais que faciliten a participación electoral da cidadanía galega, e do resto da cidadanía española, que residen no exterior de España. As medidas deben contemplar, cando menos, campañas de información institucional sobre o procedemento do voto, dotación de persoal aos consulados e viceconsulados, habilitación de oficinas consulares provisionais espalladas polo territorio onde resida cidadanía española no estranxeiro, adecuación dos horarios destas oficinas consulares ás necesidades dos cidadáns: apertura fóra de xornada laboral, en fins de semana, etc”.

Proposta de Resolución nº 40:

-“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a cumprir todas as propostas de resolución aprobadas nos debates do Estado da Autonomía dende que o Sr. Feijóo é presidente da Xunta de Galicia”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar