Feijóo "deixa morrer" a Feira Internacional de Ferrol para "darlle un chollo a algún empresario afín"

Feijóo "deixa morrer" a Feira Internacional de Ferrol para "darlle un chollo a algún empresario afín"

Beatriz Sestayo demanda o rescate do recinto feiral, que será subastado o 11 de novembro por orde xudicial.

A deputada socialista Beatriz Sestayo acusou hoxe ao goberno galego de “deixar morrer” o recinto feiral de Ourense –FIMO- para “darlle un chollo a algún empresario afín”. Así o dixo na Comisión de Industria do Parlamento logo de que o PP rexeitara unha iniciativa para rescatar o recinto feiral, que será subastado o próximo 11 de novembro por orde xudicial.

A deputada socialista acusou ao PP de seguir a “folla de ruta para deixar que morra o público, pechalo e que alguén o compre” logo de permitir o peche dunha entidade da que tiña o 45 por cento do accionariado e con responsabilidade de goberno no Concello, Deputación, Xunta e goberno central.

Lembrou que tanto o presidente da Xunta como o presidente da Deputación e o alcalde se teñen comprometido a rescatar o recinto feiral para garantir a súa viabilidade futura dentro do sector público, unha promesa que “seguiu o mesmo percorrido que a promesa de levar o dique flotante á cidade” por parte da Xunta.

Sestayo advertiu que logo de tres anos de xestión do PP no concello e na Deputación, e de cinco de Feijóo na Xunta, o recinto feiral vai ser subastado por 3 millóns de euros en primeira subasta logo de ter despedido a tódolos empregados, aos que lle adebedan ata 16 meses de salario.

Dixo que o balance dos compromisos do PP é ter pechado un recinto feiral privilexiado en contra da postura da práctica totalidade do tecido social e empresarial da cidade, e no que por primeira vez en 50 anos non se ten celebrado a Feira de mostras do noroeste.

Iniciativa

Os socialistas reclamaban que o goberno galego iniciara de inmediato as accións precisas para promover a entrada no Consello de Administración de tódolos concellos da mancomunidade de Ferrolterra que quixeran, así como da propia Xunta. Ademais, pediu o pago dos salarios pendentes aos traballadores de Fimo e elaborar un plan de dinamización que implicara a súa inmediata apertura e a creación dunha feira de turismo de referencia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar