Feijóo deixa ao sector pesqueiro en "situación crítica" pola súa "incapacidade de xestión"

Feijóo deixa ao sector pesqueiro en "situación crítica" pola súa "incapacidade de xestión"

Feijóo deixa ao sector pesqueiro en "situación crítica" pola súa "incapacidade de xestión"

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Marisol Soneira, acusou hoxe ao presidente da Xunta de deixar ao sector pesqueiro “en situación crítica” e co risco de devolver 300 millóns de euros en proxectos comunitarios sen executar por parte do goberno galego. Reclamou a comparecencia da conselleira e presentou unha Interpelación no Parlamento sobre o fracaso do Goberno galego na xestión da pesca.

 

Soneira advertiu que a “incapacidade de xestión” do Goberno galego chega ao punto de que hoxe mesmo o presidente da Xunta teña concertado unha xuntanza co Ministro de Agricultura, tamén responsable da Pesca, sen incluír na orde do día un só asunto relativo a este sector. Lamentou que o presidente estea “mais preocupado de preguntarlle ao primo de Zumosol cándo convoca eleccións que dos intereses dos galegos”.

 

A responsable socialista advertiu que o sector, que xera en torno a 40.000 empregos, perdeu un total de 3.469 afiliados ao réxime especial do mar –que pasou dos 26.038 en 2007 aos 22.569 de 2011- dende que Feijóo tomou posesión, mentres as conserveiras están “ao borde do ERE”. Engadiu que si o obxectivo da Xunta era acadar as 15.000 mariscadoras afiliadas no Permex, a realidade é que en catro anos pasaron de 4.281 a 3.970, 311 menos.

 

Dixo que mentres a pesca galega atópase nunha “situación crítica”, catro anos despois “non coñecemos cál é o proxecto que ten Feijóo para esta actividade fundamental para a economía, o emprego e a estabilidade social da nosa Comunidade Autónoma”. Este é o resultado dun goberno guiado pola “improvisación, o sectarismo, as fobias case patolóxicas ao goberno de Touriño, o caciquismo e o control social do sector”.

 

Así o evidencia mesmo a “desaparición da propia Consellería de Pesca como tal”, logo da derradeira remodelación do Goberno, unido a unha “incapacidade manifesta para xestionar os recursos da UE”. A pesca ten actualmente “os niveis mais baixos de execución orzamentaria de toda a administración galega” poñendo “en perigo” 300 millóns de euros que terán que ser devoltos de non ser investidos.

 

Mauritania

 

A parlamentaria socialista cualificou hoxe de “esperpento” a negociación da UE con Mauritania, que finalizou coa expulsión da flota galega dese caladoiro, poñendo “a guinda a unha xestión desastrosa dos asuntos pesqueiros”. Dixo que a presenza da Xunta e do Goberno central na UE resulta “irrelevante” xa que ata o momento “tódalas iniciativas da Consellería estiveron condenadas ao fracaso”.

 

Reclamoulle aos gobernos galego e español que paralicen un acordo que impón condicións “leoninas” aos armadores galegos, que cada ano teñen que “pagar moito mais e pescar moito menos”, multiplicando as taxas “por tres ou por catro”. Lembrou que o próximo martes a Deputación Permanente do Congreso debaterá este asunto a proposta dos socialistas, mentres en Galicia o PP impediu calquera tipo de debate.

 

Engadiu que a xestión das política de cotas pesqueiras “só cabe cualificala de absurda” mentres “poñen á nosa flota nunha situación insostible economicamente, nunha permanente inseguridade xurídica e nun estado permanente de frustración colectiva que mesmo está levando a algunhas voces do sector a propoñer a insubmisión como alternativa”.

 

Acuicultura

 

Mentres, dixo, a Xunta foi “incapaz de poñer en marcha un só metro cadrado das explotacións acuícolas que anunciaban como imprescindibles” salvo as gaiolas de salmón que instalaron en Muros, xerando unha contundente resposta social en contra. Dixo que mentres caen os prezos e volumes de capturas, os recortes en investigación e os problemas de contaminación e epidemiolóxicos poñen a familias ao borde da ruina.

 

Dixo que a flota galega “continúa minguando sen que teñamos alternativas noutros campos de actividade” e explicou que “o 25 por cento da flota europea que deixou a Pesca durante 2011 é española, fundamentalmente galega”. É a conclusión dunha xestión da Xunta de Galicia “sen modelo, obxectivos nin xestión”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar