Feijóo deberá votar no Parlamento sobre a reforma da Lei Local

Feijóo deberá votar no Parlamento sobre a reforma da Lei Local

Feijóo deberá votar no Parlamento sobre a reforma da Lei Local

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, anunciou que os socialistas galegos levarán ao próximo Pleno do Parlamento unha Proposición non de Lei para obrigar a Feijóo a votar sobre a Lei de Reforma da Administración Local. A responsable socialista reclámalle coherencia coas súas declaracións en contra da Lei e aprobe a iniciativa socialista.

A tamén portavoz de Servizos Sociais do Grupo Socialista dixo que Feijóo “semella mais un comentarista de noticias” ao rexeitar esta Lei “de boquilla”, pero reclamou “velo posicionado co seu voto” no Parlamento de Galicia. Pediulle ao presidente da Xunta que rexeite esta Lei que vulnera a autonomía local e deixa nunha situación “insostible” a moitas familias que dependen dos servizos prestados polos concellos.

Esta iniciativa solicita a retirada desta norma, subliña a autonomía local e a transcendencia do papel dos concellos na igualdade de oportunidades, a democracia e a cohesión social e trasládalles o “apoio e recoñecemento polo labor que veñen realizando para manter vivo o territorio e os servizos públicos”.

Gallego lembrou que os socialistas están estudando a posibilidade de recorrer diante do Tribunal Constitucional unha Lei que, advertiu, “derroga de facto a Lei de Servizos Sociais de Galicia” de 2008. A responsable socialista dixo que a norma de Rajoy suprime as competencias locais sobre servizos sociais que establecía a norma galega sen especificar quén será responsable da súa prestación.

Sinalou que a Lei de Rajoy supón que as competencias “deixan de prestarse sen que haxa un apartado que diga quén será o encargado de ofrecer estes servizos”. Explicou que “literalmente desaparece o artigo da Lei de Bases do Réxime Local que concedía aos concellos de mais de 20.000 habitantes as competencias de prestación de servizos sociais e promoción e reinserción social”.

Ademais, sinalou que a nova Lei prioriza os servizos con rendibilidade económica por riba da rendibilidade social, co que “antepón a situación económica á atención dos dereitos dos cidadáns a través dos servizos sociais”. Alertou que esta Lei determina que “a prestación dun determinado servizo obxectivo e subxectivo pode estar suxeita á dispoñibilidade de recursos económicos”.

A parlamentaria socialista considera “inxusto” ademais que o PP estea cargando sobre os concellos os custes do saneamento financeiro, cando son as administracións mais eficientes, que supoñen só o 4,1 por cento da débeda pública. Salientou neste sentido que as excepcións corresponden a gobernos do PP como o caso de Madrid e Valencia, “fortemente endebedados por unha xestión catastrófica”.

Plan Concertado

Carmen Gallego anunciou que os socialistas tamén levarán ao próximo Pleno unha Interpelación sobre o desmantelamento, por parte de Feijó e Rajoy, do Plan Concertado de Servizos Sociais que prestan os concellos. Criticou a desaparición destes dereitos coincidindo “cunha profunda recesión, co paro crecendo día a día e con 662.515 galegos por debaixo do limiar da pobreza”.

A parlamentaria socialista apuntou que a recesión económica fai “mais necesario que nunca” o cuarto piar do Estado do Benestar que garanten os concellos mentres o PP “o desmantela pola vía do recorte presupostario”. Criticou así o desmantelamento do Plan Concertado diminuíndo os orzamentos tanto no Estado, onde baixou 30 millóns de euros dende 2011, como en Galicia, onde pasou de 20,5 millóns en 2009 a 8,6 en 2013.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar