Feijóo debe repoñer as prazas de docentes e as condicións do ensino público escamoteadas dende 2009

Feijóo debe repoñer as prazas de docentes e as condicións do ensino público escamoteadas dende 2009

Feijóo debe repoñer as prazas de docentes e as condicións do ensino público escamoteadas dende 2009

Vicente Docasar esixe que o goberno galego garanta que todo o alumnado do ensino obrigatorio conte con material escolar, libros de texto e praza de comedor cando o necesiten

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, presentou unha moción no Parlamento na que lle reclama á Xunta que repoña as prazas docentes e as condicións laborais “escamoteadas por Feijoo aos profesores e profesoras durante os seus cinco anos de goberno”, nos que reduciu o gasto en educación de 860 a 670 euros por habitante.

O responsable socialista lembra que o profesorado galego ten perdido un 30 por cento do seu nivel adquisitivo e ve cómo o goberno galego está a impoñer unhas condicións de traballo cada vez mais precarias. Acusa ao goberno de prexudicar aos profesores e profesoras tanto a nivel salarial como dificultando o desenvolvemento das súas tarefas docentes e permitindo o deterioro das instalacións e do material necesario.

Docasar defende así aos “milleiros de profesionais do ensino público que viron cómo en pouco tempo se lles arrebataban uns dereitos acadados co esforzo de moitos anos, se lles aumentaba a presión laboral e o número de alumnos por aula”. Advertiu que “o principal prexudicado desta situación non deixan de ser os alumnos e alumnas, a parte mais sensible que está a padecer un deterioro imparable no ensino público”.

O parlamentario socialista esíxelle así ao goberno galego que poña en marcha unha serie de plans plurianuais para recuperar as condicións do ensino público perdidas nestes anos. Así, reclama en primeiro lugar un plan plurianual de mellora das instalacións dos centros educativos obsoletas “por falta dun axeitado mantemento durante os últimos anos”.

Tamén demanda un plan plurianual “para renovar os equipamentos didácticos dos centros educativos que foron quedando obsoletos durante os últimos anos” e un último plan plurianual “para equiparar o ancho de banda de acceso á Internet dos centros do medio rural cos centros do medio urbano”.

Alumnado

O deputado socialista reclama tamén, nesta mesma moción, que o goberno galego “garanta que todo o alumnado que cursa o ensino obrigatorio no sistema educativo galego conte con material escolar e libros de texto”. Salienta que as axudas impostas polo goberno galego “apenas chegan para cinco libros”, logo de suprimir a gratuidade dos libros de texto acadada polo goberno socialista.

Finalmente, esíxelle ao goberno galego que “garanta que todos os nenos e nenas que cursan o ensino obrigatorio no sistema educativo galego e o necesiten dispoñan dunha praza de comedor escolar”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar