Feijóo debe rematar coa cerimonia da confusión e convocar a OPE

Feijóo debe rematar coa cerimonia da confusión e convocar a OPE

Feijóo debe rematar coa cerimonia da confusión e convocar a OPE

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que “remate coa cerimonia da confusión” e convoque a oferta pública de emprego. Acusouno de exercer de “peón na apertura siciliana” que está desenvolvendo un Montoro que “vai de farol, e Feijóo sábeo” porque a convocatoria de prazas é legal co orzamento prorrogado.

Reclamou que “deixen de crear a sospeita” de incerteza e inseguridade xurídica coas prazas para utilizar os servizos públicos como ferramenta da “chantaxe” a cambio de convocar os orzamentos. Rajoy “non quere” utilizar os mecanismos á súa man para convocar unhas prazas que no caso do ensino, e de agardar ata o debate de orzamentos, non daría tempo de chegar a setembro coas prazas de profesores ocupadas.

Fernández Leiceaga lembrou hoxe dous antecedentes de convocatoria de prazas cos orzamentos prorrogados, como foron o ano 1996, cando Felipe González convocou unha OPE a través dun Real Decreto – Lei, o 156/96. O segundo antecedente corresponde precisamente a Mariano Rajoy, quen en 2011 fixo “exactamente o mesmo” a través do Real Decreto – Lei 20/2011, co propio Montoro como ministro de Facenda.

No caso de Rajoy, lembrou, decidiu suprimir a taxa de reposición, demostrando así que “podería convocar xa, e podería incluso alterar a taxa de reposición, e o normal sería que á alza”, como acordou a Conferencia de Presidentes, para flexibilizar a xestión de persoal polas administracións autonómicas.

Propostas

O portavoz socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que propón convocar a OPE de educación “que permita contar cos novos profesores funcionarios a inicio de curso”. Sinalou que, en calquera caso, de haber modificacións da taxa de reposición á alza esta poderá ser cuberta a través de ofertas complementarias para engadir novos funcionarios.

Ademais, reclamou a supresión da taxa de reposición no emprego público, que considera unha “máquina de destrución masiva de servizos públicos e de creación masiva de precariedade”. Advertiu de que o goberno xa conta con ferramentas “disciplinarias” dabondo sobre as autonomías, como son o teito de gasto ou o control do déficit.

Advertiu que dende o comezo da crise foron xubilados en torno a 2.000 funcionarios, que “no mellor dos casos foron substituídos por precarios”, elevando a taxa de precariedade a un nivel “absolutamente inaceptable” do 20 por cento na administración pública. Ademais, o goberno galego foi “calquera cousa menos dilixente” na xestión das prazas limitadas, xa que dende 2012 de 1.333 prazas dispoñibles só cubriron 43 con traballadores estables.

Finalmente, os socialistas propoñen un Plan de Consolidación de Emprego no sector público para cubrir 15.000 postos nos próximos 3 anos. Esta proposta permitiría reducir a precariedade ata un 5 por cento, e ademais sen incrementar o gasto público porque “simplemente estaría convertendo emprego público precario en estable”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar