Feijóo debe explicar no Parlamento a tama de influencias do Concello de Santiago e o suposto pago da sede do PP de Pontevedra con diñeiro negro

Feijóo debe explicar no Parlamento a tama de influencias do Concello de Santiago e o suposto pago da sede do PP de Pontevedra con diñeiro negro

Feijóo debe explicar no Parlamento a tama de influencias do Concello de Santiago e o suposto pago da sede do PP de Pontevedra con diñeiro negro

Marisol Soneira advirte dun “océano de corrupción” vinculado ao PP en Galicia e España e urxe ao seu máximo responsable a dar explicación “para a tranquilidade e a boa saúde institucional” de Galicia.

A deputada socialista Marisol Soneira reclamou hoxe a comparecencia urxente do presidente da Xunta para dar conta da trama de influencias supostamente urdida polo seu partido no concello de Santiago e polo presunto pago da sede do PP de Pontevedra con diñeiro negro. Soneira anunciou unha batería de iniciativas fronte a unha trama de irregularidades “planificada polo PP”.

A deputada socialista levará á Cámara autonómica tanto a compra da sede do PP de Pontevedra supostamente con diñeiro negro, investigada por parte da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal, como a apertura da investigación por fraude e tráfico de influencias contra a ex portavoz do PP galego, Paula Prado.

Soneira sinalou que “o acontecido en Santiago” pode ser “a pinga de todo un océano de corrupción vinculado ao PP en Galicia e en España”. Así o demostran, dixo, as escoitas feitas aos cargos imputados na Operación Pokémon, das que “dedúcese que existe unha trama de influencias vinculadas ao PP, e que Prado, así como o presidente e o vicepresidente da Xunta eran coñecedores de accións presuntamente ilegais que non denunciaron” xa que Feijóo nunca explicou nin desmentiu o que aparece no sumario.

A deputada socialista demandou a comparecencia urxente do presidente da Xunta “para a tranquilidade e boa saúde institucional de Galicia”. Salientou que mentres Feijóo non ten empacho en falar de rexeneración democrática para reducir o número de deputados ou modificar unilateralmente a Lei Electoral, diante dunha situación desta gravidade “nin denuncia, nin desminte nin da explicacións”.

Sinala que o máximo responsable do PP galego “non pode poñerse de perfil” diante dunha “trama corrupta documentada”. “Non estamos diante do caso Paula Prado, falamos do caso Feijóo, trátase dun asunto moi grave que afecta de cheo ao principal partido de Galicia e de España”.

Narcotráfico

Marisol Soneira fixo un relatorio das evidencias sobre as irregularidades financeiras do PP e que mesmo vencellarían a este partido co mundo do narcotráfico e que nunca foron desmentidas. Así, lembrou que o narco arrepentido Manuel Fernández Padín asegurara publicamente que “los narcos quieren que gobierne el PP”, mentres Oubiña confirmara que financiara ao PP e que “si tiro de la manta se sabrán muchas cousas”, sen que ninguén respondera a estas acusacións dende Galicia.

O ex secretario de Organización do PP, Pablo Crespo, membro de Portos de Galicia con Feijóo como conselleiro e Carlos Negreira como presidente, declarou que o PP recadaba un promedio de 200.000 euros anuais de diñeiro negro, ademais de confirmar a entrega de sobresoldos en diñeiro negro a cargos do PP de Galicia, cuestións que tampouco foron aclaradas nin denunciadas.

Continuou lembrando os vencellos do mundo do narcotráfico con este partido, con sinalados simpatizantes e militantes, como o alcalde de A Guarda, Manuel Díaz “Ligero”, Vicente Otero “Terito”, Pablo Vioque, o amigo de Feijóo Marcial Dorado, ou mesmo “Nené” Barral, alcalde de Ribadumia e padriño político de Rafael Louzán, o actual presidente da Deputación de Pontevedra no seu día coñecido como “Rafita el de Nené”.

A deputada socialista sinalou as “amizades perigosas” dos membros do PP, que levan a Feijóo a saír a navegar co narcotraficante Marcial Dorado, de quen “todo o mundo sabía quen era e a que se dedicaba salvo o presidente da Xunta”. Ao mesmo tempo, Mariano Rajoy, Ana Pastor e unha estela de cargos do PP fixeron un acto de precampaña en 2009 no buque Moropa, curiosamente propiedade dunha coñecida familia de narcos ourensáns.

Desmentido

Soneira advertiu que, a día de hoxe, nin Feijóo nin ningún membro do PP desmentiu nin denunciou por calumnias a ningún dos narcotraficantes que verteron ditas acusacións sobre o PP de Galicia, e nomeadamente ao PP de Pontevedra, convertendo Galicia nun “escenario mais propio do sur de Italia”. Remachou que “neste caso, si non se desminte, outórgase”.

Criticou así o mutismo do presidente da Xunta, inamovible mesmo cando a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal apuntou recentemente, en base aos papeis de Bárcenas, que a sede provincial do PP de Pontevedra puido ser pagada con 200.000 euros de diñeiro negro en 2009, con Feijóo como presidente do partido.

Sorprende, dixo, a laxitude e a falla de interese do goberno galego para impulsar unha investigación sobre este asunto “cando Facenda mesmo investiga un retraso de 24 horas no pago do imposto de transmisións pola compra dunha leira”.

A realidade, dixo, é que o propio Feijóo é o “nudo gordiano de toda esta tea de araña corrupta” que se estende polos órganos de dirección do PP de Pontevedra dos que el mesmo forma parte xunto con Alfonso Rueda, Ana Pastor e o seu marido, o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, Rafael Louzán e a práctica totalidade dos deputados do PP desta provincia, xunto co alcalde de Lalín ou o actual presidente de Portos de Galicia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar