Feijóo debe explicar as propostas presentadas pola Xunta ao goberno para "aniquilar o Estado do Benestar"

Feijóo debe explicar as propostas presentadas pola Xunta ao goberno para "aniquilar o Estado do Benestar"

Feijóo debe explicar as propostas presentadas pola Xunta ao goberno para "aniquilar o Estado do Benestar"

Méndez Romeu solicita a comparecencia do presidente da Xunta no Pleno que fixará o teito de gasto para dar conta das súas aportacións ás 255 medidas presentadas polo Ministerio de Facenda.

Considera a Feijóo un “pésimo xestor” logo de ter incrementado a débeda de cada familia galega dende 5.000 a 13.000 euros entre 2009 e 2015.

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, reclamou hoxe a comparecencia urxente do presidente da Xunta, no Pleno extraordinario que fixará o teito de gasto, para dar conta das medidas propostas pola Xunta ao documento presentado polo Ministerio de Facenda para “aniquilar o Estado do Benestar”.

Méndez Romeu solicitou a convocatoria urxente da Deputación Permanente para aprobar a comparecencia de Feijóo e que explique a posición da Xunta diante de dito documento, que será debatido mañá mércores en Madrid. Advertiu de que, malia que Moncloa eludiu explicar quen presentou as propostas, a participación da Xunta evidénciase pola presenza explícita de recortes drásticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Criticou o “dobre discurso” do PP galego, que asegura que non aplicará as medidas cando estas inclúen a supresión e integración das oficinas exteriores da Xunta ou a eliminación do Inega, Meteogalicia, o Consello Galego da Competencia, o Valedor ou mesmo o Consello de Contas de Galicia.

Estas propostas, que carecen de “pai coñecido”, resultan “sorprendentes” polo nivel que acadan no cambio de modelo dirixido a suprimir o Estado do Benestar. Así, entre as 75 medidas con recortes sanitarios, cambian a carteira de servizos e reducen as prestacións propoñendo o aluguer de instalacións sanitarias ou a imposición de taxas hoteleiras aos doentes ingresados.

No ensino público reducen as axudas aos libros de texto, comedores escolares ou escolas infantís, ou insiste sobre a desaparición dos partidos xudiciais, mentres o goberno galego mantén un dobre discurso: asegura que está en contra da eliminación pero non toma medidas e a Lei continúa o seu trámite para facer desaparecer 41 dos 45 partidos xudiciais de Galicia.

Pésimo xestor

O portavoz socialista reclamou que a comparecencia do presidente da Xunta se inclúa no Pleno do Parlamento que se celebrará presumiblemente a próxima semana para aprobar o teito de gasto, unha sesión na que se porá en evidencia que Feijóo resulta un “pésimo xestor” para Galicia. Sinalou que a súa xestión incrementou a débeda pública ao punto que cada familia galega pasou de adebedar 5.000 a 13.000 euros entre 2009 e 2015.

A realidade é que o teito de gasto resultará un dato “artificial” por canto as cifras anunciadas resultan inferiores ás orzamentadas polo goberno galego e “as realmente executadas son aínda inferiores”. Dende 2009, explicou, o gasto ordinario e os investimentos acadaron “niveis simbólicos” con Feijóo, mentres o gasto financeiro aumentou un 460 por cento.

Así, en 2009 o gasto financeiro era dun 3,6 por cento -393 millóns de euros- e en 2014 aumentou ata o 20,1 por cento -2.071 millóns de euros-, mentres o gasto social “reduciuse drasticamente” un 20 por cento, pasando de 7.710 millóns de euros en 2009 a 6.407 en 2014.

A xestión de Feijóo supuxo un endebedamento progresivo e imparable de Galicia para reducir o déficit, incrementando a débeda en 460 millóns de euros para diminuír o déficit tan só en 168. En 2015, Galicia superará por primeira vez os 10.000 millóns de euros de débeda sen ter en conta os 3.000 millóns adicionais das concesións público – privadas, como por exemplo o Hospital de Vigo.

Advertiu que “con este balance de xestión unha empresa privada xa tería tomado medidas drásticas” contra Feijóo, logo de deixar sen executar 1.595 millóns en 2012 e 850 en 2013, deixando sen investir 5.000 millóns entre 2010 e 2014, de acordo co comprometido no Plan Económico rexional de Galicia. Mentres, Galicia aumenta de novo os órganos autónomos dende os 53 de 2009 aos 71 recoñecidos en 2013.

Financiamento

Estes datos “poñen en cuestión que Feijóo sexa un bo xestor e que Galicia sexa solvente” cunha xestión que “mesmo resulta prexudicial para Galicia” e lembrou a proposta socialista para convocar unha Comisión de Estudo que analice as necesidades de financiamento de Galicia. Sinalou que o PP quedou sen a escusa da falla de tempo para rexeitala logo de que Rajoy adiara o debate ata despois das eleccións municipais.

Méndez Romeu apuntou que o secretario xeral do PSdeG vén de propoñer que o modelo de financiamento inclúa a enerxía producida por Galicia para todo o Estado como un elemento a sumar ao envellecemento e a dispersión para mellorar a posición desta Comunidade Autónoma. Advertiu que Galicia ten o risco de resultar prexudicada polas presións doutras autonomías para acadar un modelo prexudicial para os seus intereses.

Sinalou que o desleixo de Feijóo, lonxe de beneficiar a Galicia, pode chegar a resultar prexudicial, e puxo como exemplo a xestión do Plan eólico, que está a resultar un “completo fiasco” coas empresas renunciando aos megavatios concedidos para non desenvolver os seus plans industriais.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar