Feijóo debe defender o AVE e un modelo de financiamento beneficioso para Galicia

Feijóo debe defender o AVE e un modelo de financiamento beneficioso para Galicia

Feijóo debe defender o AVE e un modelo de financiamento beneficioso para Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, adiantou hoxe as liñas xerais da súa intervención do Debate de Investidura que se celebrará a próxima semana. Logo da Xunta de Portavoces, sinalou que o debate servirá para facer balance da situación de Galicia logo de 8 anos de Feijóo e plantexar puntos de encontro en cuestións cruciais como a chegada do AVE a Galicia e a reforma do modelo de financiamento.

Fernández Leiceaga reclamoulle neste sentido que abandone a posición “compracente e cómplice coa estratexia do Goberno” co adiamento da chegada do AVE a Galicia, previsto para 2018 pero que co nivel de execución orzamentaria será “moi difícil antes de 2022”. Reclamou unha defensa “contundente e competitiva” desta infraestrutura logo dunha ministra que deixou sen executar 1.000 millóns de euros orzamentados para este tren, e diante dun novo ministro que defenderá priorizar o AVE a Cantabria.

O responsable socialista contrastou o cambio táctico do presidente da Xunta, que ata 2011 defendía non deixar atrás ningún tramo, pero a partir de entón amósase “disposto a solucións provisorias que neste país sempre acaban sendo definitivas”.

No mesmo sentido, advertiu que Galicia precisa dunha posición “máis de país, transversal” nestes asuntos fundamentais como a defensa das infraestruturas competencia do Estado ou a reforma do modelo de financiamento autonómico. Este atópase inmerso nun debate sobre o modelo territorial do Estado do que Galicia pode saír prexudicada se non fai valer os seus condicionantes especiais de envellecemento e dispersión territorial.

O deputado socialista anunciou unha serie de propostas para afrontar a crise de servizos públicos e a crise social de Galicia, prexudicadas pola xestión das políticas públicas por parte dos gobernos de Feijóo, e “cómo afrontar a recuperación económica, para qué e para quén”.

Novo goberno

Xoaquín Fernández Leiceaga fixo tamén balance do novo goberno anunciado onte por Mariano Rajoy, caracterizado polo “continuísmo” e no que “sae reforzado Rajoy e polo tanto non saen reforzadas outras opcións, entre elas a de Feijóo, que en sectores do PP víase como expectativa de futuro” nun Executivo que garda “escaso peso” para Galicia.

Lamentou o “continuísmo na política económica” e salientou a novo talante da carteira de Educación, que “agardo que permita facer avances”. O novo Goberno, advertiu, “non abre posibilidades de diálogo” ao reforzar ao “núcleo duro” das políticas do presidente do Goberno, mantén unha presenza “escasa” de mulleres entre os seus integrantes e adianta que “non vai rectificar en cuestións fundamentais da súa política”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar