Feijóo debe dar a cara no Parlamento polo presunto financiamento irregular do PPdeG

Feijóo debe dar a cara no Parlamento polo presunto financiamento irregular do PPdeG

Feijóo debe dar a cara no Parlamento polo presunto financiamento irregular do PPdeG

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, esixiulle ao presidente da Xunta que compareza no Parlamento para “dar a cara” diante das acusacións de presunto financiamento irregular do PPdeG. Losada dixo que Feijóo debe comparecer nun Pleno extraordinario ou na Comisión de Estudo da Corrupción, e do contrario o Grupo Socialista abandonará este órgano.

Losada dixo que “os galegos non merecemos un presidente que se agocha e que cando sae o que fai é mentir” logo das graves acusacións que revelan que o PPdeG obtivo 2 millóns de euros en donacións de empresas adxudicatarias de contratos por 1.500 millóns no ano 2006, sendo Feijóo presidente do partido. Dixo que Feijóo é o máximo responsable desta fraude pola que o PP galego só declarou o 8 por cento do diñeiro percibido.

Estas cifras súmanse, lembrou, aos 19 millóns de pesetas percibidos en 1997 e 1998 e aos 21 millóns de 1999, de acordo cos “papeles de Bárcenas”, cando Pablo Crespo era secretario de Organización e Feijóo alto cargo do goberno galego. Ademais, respondeu aos supostos desmentidos de algunhas empresas que “non serven os desmentidos de quen aparece nunha contabilidade B ou C”.

O responsable socialista sinalou que o presidente do PPdeG debe explicar o “magma absolutamente putrefacto” que desborda ao PP nacional e chega a Galicia “entre Gürtel, Bárcenas, o financiamento irregular, delitos presuntos e comprobados, mordidas e demais mostras de maneiras predemocráticas”.

Reclamou que “faga o contrario do que está facendo Rajoy” á hora de agocharse para non dar explicacións e, dixo, “non pode converterse nun pimpampum internacional, un paria afectado por delitos graves”.

Por iso reclamou en primeiro lugar a convocatoria da Deputación Permanente do Parlamento para que debata a convocatoria dun Pleno extraordinario no que compareza Feijóo para explicar as acusacións de presunto financiamento irregular.

Ademais, os socialistas reclamaron a comparecencia do presidente da Xunta na Comisión de Investigación da Corrupción e sinalaron que “non ten sentido que desfilen académicos pero non comparezan os políticos afectados pola corrupción”.

Mafia italiana

O responsable socialista recolleu o argumento do portavoz do PP, Pedro Puy, quen dixo que o narcotraficante amigo de Feijóo Marcial Dorado buscaba lexitimarse achegándose aos políticos, á maneira da mafia italiana.

Esixiu así “a máxima transparencia, porque si non Galicia, co PP, parécese cada vez máis á Italia de Berlusconi” e puntualizou que “non podemos, non queremos e non debemos ser a Italia de Berlusconi, debemos ser unha democracia transparente e de calidade”.

Así, considerou “inaudito” que, como se está a coñecer, o xefe do servizo de Vixilancia Aduaneira for destituído en 1998, co goberno de Aznar, ao anunciar unha redada contra Marcial Dorado. Preguntoulle así a Feijóo si as “amizades” de Marcial Dorado estaban a actuar “como gardacostas dun delincuente”.

Tax lease

En resposta a preguntas dos xornalistas sobre o tax lease do naval, e ante a xuntanza do Colexio de Comisarios que decidirá mañá sobre o mesmo, esixiulle a Rajoy “que sexa tan vehemente co Grupo do PP europeo como fomos os socialistas galegos con Almunia”. Lembrou que os conservadores contan con 20 dos 27 membros do Colexio que mañá decidirán sobre o informe presentado polo Comisario Europeo da Competencia.

Losada salientou que Rajoy teña falado con Durâo Barroso diante da xuntanza de mañá mércores e lembrou que os socialistas galegos teñen solicitado a dimisión de Almunia logo de presentar un informe que obrigaría a pagar as desgravacións polo tax lease.

Ademais, dixo que a proposta de reducir a devolución ás axudas concedidas a partir de 2007 “non é suficiente” xa que, explicou, que “o ano é 2011, que é cando se inicia o proceso de denuncia” e subliñou que “a política Europea non se pode facer nun contexto de regateo”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar