Feijóo debe comparecer persoalmente no Parlamento tras as súas viaxes ao estranxeiro

Feijóo debe comparecer persoalmente no Parlamento tras as súas viaxes ao estranxeiro

Feijóo debe comparecer persoalmente no Parlamento tras as súas viaxes ao estranxeiro

O portavoz de política institucional do grupo socialista, Juan Díaz Villoslada, esixiu na comparecencia no Parlamento do director xeral de Relacións Exteriores que sexa o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e non unha persoa interposta, quen compareza no pleno para dar conta dos resultados ao regreso das súas viaxes ao estranxeiro. “É absolutamente necesario o compromiso de Feijóo diante do pleno da Cámara”, reclamou, para o que avanzou que o grupo socialista insistirá con iniciativas neste sentido. Ademais, pediu un “maior marco de debate” no Parlamento para poder fixar a política exterior da Xunta.

 

Villoslada reprochoulle a Feijóo que non dese conta na Cámara da súa recente viaxe a China, un país que ata agora fixo investimentos puntuais en Galicia e que coincidiu xusto co momento en que a comunidade estaba sufrindo a perda do seu tecido financeiro coa venda do Popular-Pastor ao Santander. “É unha mágoa que de novo precisamente nun momento crítico para Galicia Feijóo estivese fóra”, afirmou.

 

O socialista reclamou ademais que “cando se coñezan os investimentos chineses se coñeza tamén a súa solvencia” e non se repitan problemas como na operación en Galicia do magnate Sam Pa. Tamén pediu que “a dimensión humanitaria e social” forme parte das viaxes de Feijóo a estes países cunha “moi discutible situación dos dereitos humanos”. Neste punto, Villoslada quixo lembrar e render homenaxe ao recén falecido premio Nobel da Paz Liu Xiaobo.

 

Por outra banda, o socialista lamentou que nin o presidente da Xunta nin ningún representante do goberno galego acudisen ao Congreso do Eixo Atlántico que pechou o primeiro ministro de Portugal e no que si estiveron presentes alcaldes galegos e os líderes e representantes doutros grupos parlamentarios como o socialista. “Non podemos entender a ausencia nun cumio tan relevante”, afirmou. Tamén reclamou coñecer se houbo resultados, que parecen “escasos”, do cumio España-Portugal en Vila Real, xa que “hai compromisos fundamentais” para Galicia como o corredor noroeste ou o reforzamento da liña Vigo-Porto de altas prestacións.

 

Entre as esixencias dos socialistas están tamén coñecer os contactos existentes para realizar o informe sobre o impacto do Brexit en Galicia que debe ser presentado no Parlamento antes de finais de 2017, ou saber “ca vai ser a posibilidade de influencia por parte de Galicia” á hora de fixar posición no cumio de Gotemburgo do mes de novembro que tratará a dotación dun piar social na reconstrución da UE, ademais de tratar o posicionamento con respecto a Venezuela ou Cuba. Por último, Villoslada censurou que non haxa “ningunha asignación específica” nos Orzamentos galegos para o problema dos refuxiados. “Temos que ter un compromiso claro neste tema porque hai milleiros de nenos e nenas desamparados e non podemos estar a falar de se mañá un ou dous chegan á Coruña”, concluíu.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar