Feijóo, de costas aos problemas reais e preocupado exclusivamente en resolver cuestións "de partido"

Feijóo, de costas aos problemas reais e preocupado exclusivamente en resolver cuestións "de partido"

Feijóo, de costas aos problemas reais e preocupado exclusivamente en resolver cuestións “de partido”

Méndez Romeu Carmen GallegoO portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou hoxe ao presidente da Xunta de situarse “de costas aos problemas reais” mentres utiliza o goberno galego “exclusivamente para resolver problemas de partido”. Este foi o seu balance dunha lexislatura na que a Xunta dedicouse a tratar as cuestións internas do PP e utilizar a súa maioría a modo de rolo parlamentario para impedir calquera acordo coa oposición.

Méndez Romeu aludiu así á decisión de Feijóo de utilizar o Consorcio Galego de Benestar para “colocar” aos seus “alcaldes perdedores” dos concellos de Ames e Pontecaldelas, mentres mantén á directora xeral de Inclusión, María de los Ángeles Teijeiro, tamén concelleira en Lugo e deputada provincial, nomeada dende outubro pero sen tomar posesión para non deixar baleiros os seus postos representativos.

Contrapuxo o “traballo sobresaínte” dos socialistas galegos, que presentaron 11.391 iniciativas parlamentarias de control e de impulso, sinalando as leis aprobadas a iniciativa do PSdeG, nomeadamente a Lei de Igualdade de dereitos das persoas LGTBI ou a Lei de Morte Digna, actualmente en desenvolvemento.

O responsable socialista aludiu tamén á necesidade de acordos e pactos políticos na nova lexislatura “colorida” que deu comezo onte nas Cortes Xerais, e chamou a “actuar e non sobreactuar” para acadar unha maioría progresista que de non acadarse abocaría a novas eleccións no mes de maio.

Neste sentido censurou que En Marea estea situando sobre os socialistas a responsabilidade da incapacidade de ter grupo propio no Congreso, unha situación da que tiñan “plena conciencia” no momento de concorrer ás eleccións. A súa pretensión, dixo, é obter “unha sobrerrepresentación e o incremento espectacular de financiamento e de tempos de intervención non admisible”.

Mentres, Galicia comeza un novo período de sesións cun goberno “ausente en todo”, sen iniciativa fronte á vaga de inundacións provocada polos temporais de comezos de ano, ou coa situación dos sectores do leite ou da pesca de cerco inalterada dende o momento da convocatoria electoral. Neste tempo, dixo, “mesmo crearon problemas que non había, como os ocasionados pola Lei de Acuicultura contra o sector do mexillón”.

O único cambio, explicou, pasa pola “nova posta en escena de Feijóo”, que agora apela ao diálogo “en todas partes agás en Galicia, onde vén de rexeitar tódalas emendas da oposición aos orzamentos”. Preguntoulle ao presidente da Xunta “si quere diálogo para derrogar a reforma laboral, restituír os dereitos públicos ou retirar a Lei Mordaza”, e acusouno de demostrar que “non son conscientes da gravidade do momento”.

Novo período de sesións

O responsable socialista esbozou as principais liñas de actuación dos socialistas galegos para o período de sesións que comeza e que pasan por centrar o foco na situación do emprego en Galicia e da “inmensa bolsa de traballadores condenados á temporalidade e aos contratos lixo”. Unha situación que, dixo, evidencia que os cambios do goberno do pasado mes de outubro son “meramente cosméticos”, xa que non supuxeron cambios nin no orzamento nin nas políticas de emprego da Xunta.

Advertiu que a tramitación da Lei do Solo será outro dos elementos centrais deste novo período de sesións, para frear o “despropósito” do PP coa súa pretensión de aprobar a nova norma “sen ter en conta os problemas dos plans xerais das cidades”. Advertiu que “agora propoñen unha solución para a situación de Vigo, do que nos alegramos, pero non para o resto dos concellos” afectados pola normativa”.

Desmantelamento das mentiras

A viceportavoz e responsable de Política Social do Grupo Socialista, Carmen Gallego, advertiu que os socialistas buscarán neste novo período de sesións “desmantelar as mentiras da axenda social” pretendida por Feijóo.

Advertiu que fronte aos anuncios do presidente da Xunta, a realidade é que hoxe aínda non está en marcha a Axencia Galega de Servizos Sociais que debera substituír ao Consorcio a 1 de xaneiro, e que está a provocar “incertidume e inseguridade xurídica” nos concellos pequenos.

Na mesma liña, o goberno galego está a manter a milleiros de galegos e galegas “no limbo da Dependencia”, coas súas prestacións recoñecidas pero sen ter sido concedidas. Acusou ao goberno galego de comprometer a ampliación da Dependencia a 10.000 persoas máis en 2016, un mero “cambio cosmético” que pasa por reducirlles radicalmente a prestación.

Os socialistas continuarán neste período de sesións centrándose na loita contra a privatización e imposición de copagos na sanidade ou ás políticas de exclusión no ensino público aplicadas polo goberno galego. Lembrou que a acción do PP dende a Xunta situou a Galicia como a segunda Comunidade Autónoma na que mais medra o desemprego.

Carmen Gallego subliñou que a liña de traballo dos socialistas galegos basearase no “rigor, a seriedade, o compromiso de país e a coherencia” para presentar propostas de mellora da calidade dos servizos públicos, unha política fiscal máis progresiva, o impulso económico baseado na reindustrialización do país e a recuperación dos servizos públicos perdidos, nomeadamente unha sanidade e unha educación universais, públicas, gratuítas e de calidade.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar