Feijóo e o conselleiro de Sanidade terán que responder no próximo Pleno a preguntas dos socialistas sobre a reforma da Lei de Saúde

Feijóo e o conselleiro de Sanidade terán que responder no próximo Pleno a preguntas dos socialistas sobre a reforma da Lei de Saúde

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou hoxe que o próximo Pleno estará centrado na reforma da Lei de Saúde coa que a Xunta quere suprimir as áreas sanitarias comarcais e reducir a participación social. A sesión de control ao presidente centrarase precisamente neste asunto, do que tamén que terá que responder o conselleiro de Sanidade grazas a unha interpelación presentada polo grupo socialista.

Fernández Leiceaga explicou que, logo de que o conselleiro de Sanidade renunciara a comparecer atendendo á petición de toda a oposición, “vai ter unha sesión continua neste Pleno e no seguinte”. Tanto el como Feijóo terán que dar conta da importante redución de servizos sinaladamente nos hospitais de Burela, O Salnés, Valdeorras e Monforte, pola iniciativa do goberno dirixida a “recentralizar servizos nas capitais provinciais”.

Resumiu que a supresión das áreas sanitarias supón “unha mala noticia” para a sanidade pública e polo tanto para toda a cidadanía, polo que “queremos que forme parte do centro do debate político neste mes”.

Os socialistas galegos presentarán ademais unha proposición non de Lei relacionada co plan de transporte da Xunta, na que solicitan a constitución dunha mesa de traballo coa participación de tódolos sectores implicados e que permita o seguimento da execución do plan dende o Parlamento.

Educación

Tamén levarán á primeira sesión do novo curso parlamentario as modificacións decididas de forma unilateral polo goberno galego na distribución da rede de centros a finais do curso pasado, que supuxo o peche ou traslado dos centros de As Pontes, Outes, Ribadavia e Porriño.

Os socialistas galegos reclaman que o goberno consensúe a rede de centros coa comunidade educativa, “de xeito que se garanta de forma efectiva a igualdade de oportunidades a toda a poboación de Galicia”, garantindo ademais a atención ás persoas con necesidades educativas especiais.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar