"Feijóo confunde Galicia con Bankia"

"Feijóo confunde Galicia con Bankia"

"Feijóo confunde Galicia con Bankia"

A deputada socialista Marisol Soneira acusou ao presidente da Xunta de “pensar que Galicia é como Bankia” e que “pode dispor de tarxetas e levalo todo moi reservado”. Soneira reclamou hoxe a comparecencia da conselleira de Traballo e reclamou unha investigación no seno do goberno galego sobre a presunta relación da fraude dos cursos de formación coa Xunta e o PP.

A deputada socialista lembrou que o caso xa era coñecido polo ex director xeral de Traballo, Odilo Martiñá, número catro da Consellería, cando decidiu dimitir o pasado xoves 25 de setembro para a continuación “utilizar a porta xiratoria e entrar ao día seguinte na Comisaría de Lonzas”. Daquela negouse a declarar diante da policía pola investigación sobre posibles delitos con cursos de formación.

Considera “inconcibible nun goberno democrático” que nin o presidente da Xunta nin a conselleira teñan ofrecido aos galegos e galegas ningún tipo de explicación, dando a “imaxe de goberno cutre e carente do mais mínimo sentido da dignidade e da decencia política”.

Esixiulle ao goberno galego que explique si este caso “ten que ver co trato de favor de Beatriz Mato e Núñez Feijóo a un empresario amigo especializado en recibir axudas públicas para impartir cursos de formación a parados que ao parecer nunca se celebraron”.

Aludiu así ao xerente de Azetanet, Gerardo Crespo, de quen lembrou que o alcalde de Oleiros “declarara que utilizaba os fondos de formación para financiar ao PP, sen que tiña sido desmentido”. O mesmo Crespo é, apuntou, supostamente moi achegado ao alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e á conselleira, á que nomeou “coruñesa do ano” logo de recibir mais dun millón de euros para cursos de formación.

Lembrou ademais a tendencia de Crespo a manter encontros co propio Negreira e co daquela conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, na sede do PP da Coruña, algún deles, “que pretendían que fose reservado” fora cancelada cando saltou á luz pública.

Fundefo

Marisol Soneira advertiu ademais que o propio Crespo dispoña dunha fundación –Fundefo- da que tamén foran membros fundacionais Lluis Gavaldá, implicado no financiamento ilegal de Unió Democrática de Catalunya a través de fondos obtidos con cursos de formación –Caso Pallarols-, e José Jaime López Cossio, director xeral de formación e emprego con Fraga.

A deputada socialista advertiu das posibles semellanzas da trama que vén de estar destapada co caso de financiamento irregular de Unió, no que o partido utilizaba a un enlace dentro da administración para captar os fondos que eran destinados ao seu financiamento.

Salientou o “clamor” que rodea ao PP apuntando ás irregularidades no seu financiamento tanto dende o seu ex secretario de Organización Pablo Crespo como o narcotraficante Laureano Oubiña ou mesmo o contrabandista arrepentido Manuel Fernández Padín. Criticou o desleixo do PP fronte ás acusacións que apuntan ao seu financiamento en negro ou a conivencia cos “persoeiros do lado escuro da forza”.

Iniciativas

Os socialistas presentaron hoxe a solicitude de comparecencia da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, e unha serie de interpelacións, preguntas orais e proposicións non de Lei para investigar e dar conta do uso dos recursos procedentes da Consellería.

Ademais anunciou unha serie de iniciativas para que os máximos responsables da Consellería expliquen no Parlamento “qué recursos públicos teñen movido as persoas detidas no día de onte e outras implicadas ao longo dos últimos cinco anos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar