Feijóo, cómplice do veto á transferencia da AP-9

Feijóo, cómplice do veto á transferencia da AP-9

Feijóo, cómplice do veto á transferencia da AP-9

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de actuar como “cómplice” do veto á transferencia da AP-9 a Galicia. Así o dixo na última sesión de control antes do verán, na que os socialistas galegos cuestionaron a escasa relevancia de Feijóo para romper co bloqueo á iniciativa enviada pola Cámara autonómica á Mesa do Congreso.

O responsable socialista anunciou a petición dun Pleno Extraordinario sobre esta cuestión logo de acusar a Feijóo de “darlle coartadas a Fomento” para bloquear a transferencia “creando Comisións e posando ao seu carón”. A resposta de Rajoy, lembra, foi “veta por segunda vez a proposición de Lei con falacias e disparates conceptuais, desprezando ao Parlamento de Galicia, ríndose de todos nós, incluído o presidente da Xunta”.

Dirixiuse a Feijóo para sinalarlle que “mentres non considere persoa non grata ao actual ministro de Fomento e rache as relacións institucionais con el, dando por pechada a Comisión de xestión da AP-9, parecerá cómplice desta actuación”. Do contrario, dixo, “demostrará mera impotencia para defender os intereses de Galicia diante do goberno de Rajoy”.

Advertiu que a cuestión da AP-9 demostra ademais o seu “escaso peso na política española”, xa que mentres Galicia perde 400 millóns de euros de investimentos do Estado para 2017, o PNV conseguiu que lles condonaran 1.400 millóns de euros de cupos atrasados e a redución da contía a futuro en 400 millóns de euros.

Lembrou que ao castigar ao presidente da Xunta negándolle a transferencia con “premeditación, alevosía e reiteración”, en realidade está “castigando a toda Galicia” cunha posición “antisistema” que “corrompe o funcionamento das institucións para defender posicións partidarias”.

Emendar o erro

Fernández Leiceaga cualificou de “posición cínica” que o PP galego definira o seu mesmo veto a este debate en Madrid, polo que instouno a “emendar o erro”. Propuxo constituír unha Comisión “da razón e da dignidade” integrada por tódolos grupos parlamentarios galegos que lle explique os argumentos de Galicia á Mesa do Parlamento, coa súa presidenta, a deputada do PP por Pontevedra Ana Pastor, á cabeza.

Esta comisión podería explicar, dixo, que “non se fala da recuperación da concesión, as cuestións financeiras teñen que ser discutidas na Comisión Mixta de Transferencias, calquera carga financeira remítese a posteriores orzamentos e que, en definitiva, non hai escusas para non tramitar a Lei”.

Sumou esta petición á demanda de que a Xunta rompa relacións con Fomento, desactive a Comisión da xestión da AP-9. Do contrario, explicou, “xa lle adianto que me dirixirei aos outros grupos da Cámara para propoñerlles celebrar un Pleno Extraordinario sobre este asunto nos próximos días”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar